Se estrena una nueva edición ampliada y mejorada del Diccionario de pronuncia do galego
Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia:O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou na presentación pública da edición ampliada e mellorada do “Dicionario de pronuncia da lingua galega”, promovido polo Instituto da Lingua Galega (ILG) da Universidade de Santiago de Compostela (USC), coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
No acto de presentación, que tivo lugar no Colexio de San Xerome, tomaron parte, amais do secretario xeral, o reitor da USC, Juan Casares Long; o director do ILG, Ernesto González Seoane, e o coordinador do equipo técnico que desenvolveu o proxecto, o profesor e académico da lingua galega Xosé Luís Regueira Fernández.
“O Dicionario de pronuncia da lingua galega supón un referente no tocante á dimensión oral da lingua e, nomeadamente, a prol da mellora da calidade e do prestixio do idioma propio de Galicia nos ámbitos públicos”, salientou o secretario xeral durante a súa intervención.
O “Dicionario de pronuncia da lingua galega” foi publicado en papel no ano 2010, en edición da Real Academia Galega (RAG), no marco dun proxecto de colaboración entre o ILG e a Secretaría Xeral de Política Lingüística. Un ano despois, en 2011, o ILG-USC e a Consellería de Cultura e Educación renovaron esta colaboración para dotar o proxecto inicial dunha dimensión dixital ampla, coa edición dunha versión electrónica que incluíu por primeira vez a locución do léxico. 60000 pronuncias, gravadas coa colaboración da Compañía Radio-Televisión de Galicia -por medio da Radio Galega- engrosaron a súa funcionalidade e utilidade, tanto a nivel investigador como docente ou profesional.
A nova versión ampliada e mellorada que se presentou constitúe un recurso que ofrece en liña o léxico galego contido no dicionario da RAG achegando as transcricións fonéticas e locucións correspondentes a unhas 68000 formas gravadas. Amais de incorporar as voces máis recentes do dicionario da RAG, o “Dicionario de pronuncia da lingua galega” recolle xa os 1000 nomes propios de persoa máis frecuentes, 1500 apelidos galegos e os nomes de todas as comarcas, concellos e parroquias de Galicia, así como varios centos de nomes de ríos, montes e accidentes costeiros, nunha aplicación informática que permite realizar as buscas por formas fonéticas ou por cadeas de sons. O dicionario engade desta volta voz feminina, a da coñecida xornalista Belén Regueira.
Facilitarlle a aprendizaxe do galego á cidadanía e ofrecerlles un modelo oral de referencia e de consulta aos profesionais do ámbito da lingua, dos medios de comunicación ou das administracións son os obxectivos da ferramenta lingüística, á que se pode acceder de balde en http://ilg.usc.es/pronuncia.
O ILG é un referente de recoñecido prestixio na súa contribución ao desenvolvemento da investigación científica sobre a lingua galega. Os seus traballos arredor da lexicografía, da xeografía lingüística e dialectoloxía, da onomástica, da fonética, da gramática, da sociolingüística e da historia da lingua, supoñen uns recursos imprescindibles que lles dan resposta ás necesidades do conxunto da sociedade.A nova versión dixital do “Dicionario de pronuncia da lingua galega” enmárcase na liña de traballo desenvolta polo ILG desde a súa constitución, en 1971, para contribuír desde o ámbito universitario ao proceso de codificación do galego e á elaboración da súa variedade estándar. Un labor encetado coa súa participación na publicación das “Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego” (1982) ou do “Vocabulario ortográfico da lingua galega” (2004), que constitúen a base dos dicionarios actuais de lingua galega.
Para apoiar os traballos de investigación do ILG, a Xunta de Galicia e a USC colaboraron durante os anos 1987 e 1991, e a partir de 1994 xa o fixeron ininterrompidamente. En virtude do frutífero labor desenvolvido polo instituto a prol da lingua galega nos últimos 40 anos, a Xunta de Galicia concedeulle a Medalla de Ouro de Galicia 2011, a máxima distinción do Goberno galego. Recentemente, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de recoñecer o ILG dentro da súa convocatoria a grupos de referencia competitiva do Sistema Universitario Galego.
R.


