La compañía del Teatro Nacional Dona María II de Lisboa presenta en Compostela el montaje Gil Vicente na horta

A compañía do Teatro Nacional Dona María II (TNDM) de Lisboa visita Galicia por vez primeira para presentar os días 25 e 26 de outubro en Santiago de Compostela o espectáculo Gil Vicente na horta, dentro do plano de colaboración aberto coa Consellería de Cultura e Educación para a relación entre os teatros públicos de Galicia e Portugal e para afondar na promoción da lusofonía desde o ámbito da escena.
O Concello de Santiago colabora tamén na realización destas funcións, ás 21:00 horas no Teatro Principal da cidade. Foi precisamente este espazo escénico o que acolleu o acto de presentación das funcións, nun acto que contou coa participación de Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura; de Manuel Guede, director do Centro Dramático Galego; de Víctor Carou, director xerente do Auditorio de Galicia; de Carlos Vargas, presidente do Consello de Administración do TNDM II; e de João Mota, director do espectáculo.
O Dona María, un dos centros teatrais máis emblemáticos da capital lusa, estréase así diante do público galego e faino cunha produción de gran formato sobre o autor clásico por antonomasia do teatro portugués, Gil Vicente, e da man de João Mota, un dos máis recoñecidos directores de escena na actualidade no país veciño.
Gil Vicente na horta é unha montaxe construída a partir de O Velho da horta e outros textos de Gil Vicente, autor clásico da lingua portuguesa e primeira figura literaria que fai a transición da Idade Media ao Renacemento. Nesta farsa, que foi presentada ao Infante Don Manuel no ano de 1512, exáltase a vitoria da xuventude fronte á vellez e á morte, ao tempo que o espectador asiste a unha intriga deseñada dun xeito moi enxeñoso e ao reencontro coa serie alegórica de personaxes vicentinas, coas súas cuestións metateatrais e co seu habitual tratamento sobre sátiras e costumes.
Nesta versión escénica, que asina tamén João Mota, asístese a unha peza de enredo na que se desenvolve unha acción continua e encadeada, a través dun personaxe marcado polo conflito entre a razón e o sentimento amoroso. A partir do soño-pesadelo do Velho, evócanse neste espectáculo algunhas das máis importantes obras de Gil Vicente, tales comoTodo o mundo é ninguém, Barca do Inferno, Auto da Cananeia, Auto da Alma, Auto da Festa, Auto Pastoril Português, Tragicomédia do Inverno e Vero e Auto da Índia.
Así, a intemporalidade da obra de Gil Vicente é recuperada neste espectáculo popular, sagrado e á vez profano, que atravesa o tempo ata hoxe cunha cativadora perspectiva sobre a sociedade contemporánea.
Para a súas representacións en Santiago, o Teatro Nacional Dona María II desprazará á súa compañía itinerante, composta por 14 actores e actrices (João Grosso, José Neves, Lúcia Maria, Manuel Coelho, Maria Amélia Matta, Bernardo Chatillon, Joana Cotrim, Jorge Albuquerque, Lita Pedreira, Luís Geraldo, Marco Paiva, Maria Jorge, Miguel Curiel, Simon Frankel).
A montaxe conta con figurinos de Carlos Paulo, deseño de iluminación de José Carlos Nascimento e dirección musical de Hugo Franco.
De xeito paralelo ás representacións están previstas tamén outras accións de difusión, como por exemplo un encontro cun dos actores protagonistas, João Grosso, con alumnos de portugués da Escola Oficial de Idiomas de Santiago.
As entradas para asistir ás dúas funcións, que comezan ás 21:00 horas, poden mercarse na billeteira do Teatro Principal, aberta de martes a sábado de 18.00 a 21.00 horas. Tamén están dispoñibles na venda electrónica a través da web www.entradas.novagaliciabanco.es e no teléfono tele-entrada 902 434 443.
Fotografía: http://www.teatro-dmaria.pt/pt/itinerancias/index.php
R.