Galaxia edita en gallego el Ulises de James Joyce, tras un proceso de traducción de ocho años

El lanzamiento editorial de este volumen se celebrará con una oferta de preventa, con la que todos los interesados podrán beneficiarse de un descuento sobre el precio de venta del libro enviando un correo electrónico a la dirección pedidos@editorialgalaxia.com.
Nota de prensa publicada por la Editorial Galaxia:
O proxecto de tradución e publicación de Ulises insírese na colección Clásicos Universais, que presta atención especial ás obras fundacionais da tradición literaria contemporánea. A novela de James Joyce é unha das obras que inician a tradición literaria moderna, fundamental para o desenvolvemento non só da narrativa senón da propia concepción da literatura a partir do primeiro cuarto do século XX. A súa influencia nos autores posteriores é indubidable, tanto no que se refire á transformación que supuxo respecto da maneira de narrar (citemos, por exemplo, a stream of consciouness ou corrente de consciencia) como no repertorio de formas literarias, coa incorporación dun abano de rexistros que van desde a lingua coloquial ás referencias á cultura grecolatina, sen esquecer a transformación da idea de novela, na que o Ulises marcou o paso da novela decimonónica á novela moderna.
Trátase, pois, dunha das obras que calquera lingua e cultura con tradición literaria debe incorporar mediante a tradución, polo que a súa publicación en galego é necesaria tendo en conta a súa importancia na configuración do repertorio de formas literarias e na cultura de hogano.
Ulises, unha obra de grande complexidade textual, tamén require un traballo de tradución e revisión demorado e complexo e, polo tanto, un equipo de tradutores meirande ca calquera edición normal dun texto literario.
Desta tradución que publicará Editorial Galaxia encargáronse catro tradutores de perfil complementario: María Alonso Seisdedos, tradutora e correctora editorial con grande experiencia, actualmente é cotradutora das novelas de Orhan Pamuk para o galego; Eva Almazán, tamén tradutora profesional, traduciu, entre outros moitos autores, a Paul Auster, Edgar Allan Poe ou Martin Amis; o escritor Xavier Queipo, un dos autores que desde a década de 1990 representan a renovación da narrativa galega actual, e Antón Vialle, tradutor e intérprete que realizou, xunto a María Alonso Seisdedos, a tradución de A cea, de Herman Koch, primeira novela traducida do neerlandés para o galego.
A novela de James Joyce foi publicada en París en 1922 pola librería Shakespeare and Company. Joyce emprega no Ulises, á parte da corrente de consciencia, a parodia, os xogos de palabras e unha variada e ampla gama de técnicas narrativas. A novela desénvolvese durante un único día, o 16 de xuño de 1904, na cidade de Dublín. Conserva, dese xeito, un paralelismo coas unidades clásicas de tempo, lugar e acción. De aí que ese paralelismo se estendese dos personaxes da Odisea de Homero aos do Ulises: Leopold Bloom representaría o moderno Ulises, a súa muller, Molly Bloom, sería a Penélope do século XX, e Stephen Dedalus, Telémaco.
Estamos a falar dunha obra fundamental na historia da literatura, tamén na da literatura galega, na que cómpre lembrar o texto “Dedalus en Compostela”, de Vicente Risco, referencia clara a un dos protagonistas do Ulises e primeiro intento de incorporación da obra de Joyce á literatura galega, e o feito de que Ramón Otero Pedrayo traducise e publicase, na revista Nós, uns fragmentos da novela xa no ano 1926, reeditados hai uns anos por Galaxia na colección Illa Nova.
Así e todo, a novela de Joyce nunca foi traducida integramente para o galego, coa súa publicación a fins deste ano quérese achegar aos lectores de hoxe unha tradución baseada nas máis recentes edicións críticas da obra de Joyce, nun galego actual e coidado que axude a coñecer mellor un patrimonio literario que xa os membros da xeración Nós consideraron indispensable incorporar á nosa literatura.
Fotografía: http://www.editorialgalaxia.com/weblog/?p=19953
R.