La música gallega se presenta en la Feria Womex de Tesalónica con Galiciantunes

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria difundirá a música galega a través da marca GalicianTunes na edición de Womex (World Music Expo), que se desenvolve ata o domingo 21 en Tesalónica.
Promovida por Cultura e Educación, a través da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) e en coordinación coas principais asociacións profesionais do sector, a plataforma GalicianTunes emprégase para a promoción conxunta das empresas, artistas e bandas galegas a través de diferentes accións de internacionalización da nosa música. Neste caso, editouse un dobre CD promocional cunha selección de 26 temas e cunha especial atención á música de raíz, para o que se contou coa colaboración da Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM), que agrupa unhas 25 compañías dos diferentes ámbitos profesionais dentro do sector.
Este novo disco será distribuído de xeito gratuíto entre os profesionais acreditados que se acheguen ata o espazo de GalicianTunes dentro do stand de Sounds from Spain, plataforma coordinada polo ICEX (Instituto de Comercio Exterior) e o Ministerio de Cultura que este ano agrupa nove entidades a nivel estatal e autonómico e 14 empresas, entre as que se atopan as galegas A Central Folque, Fol Music e Fisterra.biz.
Así, esta nova edición discográfica recolle temas dos últimos traballos de Óscar Ibáñez, presentado pola discográfica Ouvirmos; A Cada Canto, proxecto de Guadi Galego, Xabier Díaz, Guillerme Fernández e Xosé Lois Romero, presentado por Músicas de Salitre; Berrogüetto, baixo o seu propio selo; e Uxía, Os Cempés, Doa, Malvela, Talabarte, Leilía e Vaamonde, Lamas & Romero, todos eles presentados por Boa Music.
Ademais, e coincidindo co anuncio oficial da celebración de Womex 2014 en Santiago de Compostela, este CD promocional incorpora como imaxe a Cidade da Cultura de Galicia, onde –segundo confirmou a organización da feira– terán lugar as actividades de día arredor da zona de mercado.
Na tarde do venres 19 terá lugar, así mesmo, a presentación oficial de Santiago de Compostela como sede de Womex en 2014. Confírmase así a candidatura liderada pola produtora galega Nordesía, co apoio da Consellería de Cultura de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria –a través da Agadic e a Fundación Cidade da Cultura– e do Concello de Santiago, para que a capital galega acolla entre o 22 e o 26 de outubro dese ano a que será a vixésimo edición do evento.
Como entidades socias na organización local de Womex 2014, a Fundación Cidade da Cultura, o Concello de Santiago e Nordesía compartirán un stand promocional en Tesalónica co obxectivo de dar a coñecer o proxecto e a cidade entre os asistentes a esta edición.
Cunha recoñecida imaxe de marca, esta feira reúne cada ano a numerosos profesionais do sector arredor dun gran recinto feiral cuns 280 stands e máis de 650 empresas expositoras, que na edición galega situarase na Cidade da Cultura. As prazas do casco antigo acollerán, á súa vez, a selección de concertos que configuran o que a organización denomina Womex Night.
Serán cinco días durante os que os asistentes terán a oportunidade de participar nun moi intenso e amplo programa de actividades, no que os artistas e empresas locais terán unha destacada presenza. Xunto cos 2.500 delegados acreditados, cada edición congrega ademais uns 450 artistas e técnicos, e preto de 400 xornalistas chegados de numerosos países que garanten a repercusión mediática internacional do evento.
R.