Neira Vilas presenta "Querido Balbino, 1961-2011. 50 anos de Memorias dun neno labrego"

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria continúa a lle render homenaxe ao escritor Xosé Neira Vilas a través da exposición itinerante ‘Querido Balbino, 1961-2011. 50 anos de Memorias dun neno labrego”, a mostra que lle ofrece á cidadanía galega un percorrido pola vida deste autor e, á súa vez, permite coñecer a traxectoria da obra máis lida da literatura galega e que poderá visitarse no Auditorio Municipal de Ribeira desde hoxe ata o domingo 17 de xuño.
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, inaugurou esta mañá a exposición, nun acto no que tamén participaron o autor homenaxeado, Xosé Neira Vilas; Manuel Ruíz Rivas, alcalde da localidade; Mª Carmen Vizcaya, concelleira de Educación e Normalización Lingüística; Elvira Pisos, concelleira de Cultura e Luís Teira, director do CEIP de Friós.
García Gómez destacou a relevancia desta exposición que chega a Ribeira para “dinamizar a lingua galega a través das nosas letras, e tamén para impulsar o gusto pola lectura entre a cidadanía, nomeadamente, entre as persoas máis novas”. En palabras do secretario xeral, a exposición “redescubre unha das obras máis transcendentais da literatura e da cultura galegas”.
Ao remate do acto, García Gómez, participou no encontro mantido no CEIP de Frións polo escritor Xosé Neira Vilas con máis de 200 alumnos e alumnas deste centro, do CEP de Carreira e do CEIP de Aguiño, aos que Neira Vilas tivo ocasión de achegarlles a súa experiencia como escritor e, en especial, da súa obra Memorias dun neno labrego.
Co gallo do 50 aniversario desde a primeira publicación de Memorias dun neno labrego (Bos Aires, 1961), a Consellería dirixida por Vázquez Abad réndelle a súa particular homenaxe á obra máis lida da historia da literatura galega, así como a máis traducida a outros idiomas. De feito, na actualidade está dispoñible en 16 linguas, e estarao tamén proximamente en xaponés. Entre as numerosas adaptacións teatrais que se fixeron da obra ao longo dos anos, destaca unha representación en México, na península de Iucatán, primeiro en castelán e posteriormente en maia, na que Balbino se presentou como un neno indio.
A mostra “Querido Balbino” articúlase en torno a dous eixos que guían ao espectador a través dun túnel de vitrinas. Dunha banda, preséntase a traxectoria vital do escritor a partir de fotografías, documentos e correspondencia que serven para marcar diferentes momentos transcendentes da súa biografía: exilio en Arxentina e Cuba, amizade con outros exiliados ou o casamento con Anisia Miranda. Doutra banda, amósanse documentos e material referidos á traxectoria seguida polo propio libro e o seu protagonista. Neste sentido, a exposición lembra as edicións, adaptacións teatrais e audiovisuais inspiradas en Memorias dun neno labrego, do que xa se imprimiron máis de 600.000 exemplares, e conta cunha sala onde se proxecta un documental sobre Balbino.
“Querido Balbino” presenta tamén 10 obras pictóricas de autores galegos, inspiradas no protagonista de Memorias dun neno labrego. Os autores que colaboran nesta iniciativa son: Paco Lareo, Chema Pazos, Rofer, Esperanza Lema, Federico Fernández, Xoán Domato, Antón Pulido, Herminda Salgueiro, Siro López e Xaquín Marín. A exposición conta cun catálogo explicativo, ilustrado por comentarios aparecidos ao longo deste medio século de vida de Memorias dun neno labrego, e exhibe ademais un documento único: a Carta a Balbino que dirixe Xosé Neira Vilás ao seu fillo literario.
O escritor Xosé Neira Vilas leva percorrendo os centros de ensino de Galicia dende o ano 1992 para dar a coñecer as Memorias dun neno labrego entre as nenas e os nenos galegos. Durante os encontros, escritor e alumnado intercambian impresións sobre Balbino, a personaxe principal do libro. Amais, o alumnado adoita entregarlle ao escritor algúns traballos realizados por eles mesmos, como poden ser debuxos ou cartas, inspirados nas experiencias vitais do neno Balbino.
Fotografía: Xunta de Galicia.
R.