Una publicación para los lectores más jóvenes sobre Valentín Paz-Andrade conmemora el Día del Libro Infantil

Os lectores máis novos poderán descubrir a vida e a obra do protagonista das Letras Galegas 2012 a través da publicación Valentín Paz-Andrade. Biografía e antoloxía, unha obra da autoría de Charo Portela que acaba de publicar Edicións Xerais de Galicia co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
O libro, que inclúe un relato ameno e detallado sobre o escritor e empresario, foi presentado polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, nunha rolda de prensa que tivo lugar esta mañá na Biblioteca de Galicia da Cidade da Cultura e na que tamén participaron a autora da obra e o responsable de Edicións Xerais de Galicia, Manuel Bragado.
Sobre a obra, Anxo Lorenzo afirmou que se trata “dunha coidada edición que ve a luz na colección Merlín para achegarlle á mocidade a vida e a obra do autor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas”. “Por seren os nenos e mozos os principais destinatarios do volume –explicou–, quixemos unir a presentación da obra á celebración do Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil”, que se conmemora hoxe en todo o mundo para promover a lectura entre os máis novos, “obxectivo co que tamén traballamos desde a Consellería de Cultura e Educación”, dixo.
Co gallo de conmemorar esta data, Anxo Lorenzo explicou que a consellería tamén promove durante a xornada de hoxe “unha programación especial de actividades en todas as bibliotecas nodais de Galicia, coas que os máis pequenos poderán achegarse ao mundo dos libros e da lectura a través de diversas actividades, como a lectura do manifesto escrito para este día por Francisco Hinojosa, obradoiros, contacontos, mostras bibliográficas e actividades de bookcrossing.
Tamén no marco da celebración do Día Internacional do Libro Infantil, a Secretaría Xeral de Cultura, en colaboración con Gálix, difundiu entre as librerías e as bibliotecas de Galicia o cartel conmemorativo preparado pola Organización Española para el Libro Infantil y Juvenil (OEPLI).
O secretario xeral referiuse á publicación sobre Valentín Paz-Andrade como “un paso adiante na difusión social da vida e da obra do escritor e empresario, especialmente entre público infantil e xuvenil, xa que constitúe unha ferramenta excelente para lles achegar esta figura aos máis novos, pero que tamén constitúe unha fonte de información útil e de interese para calquera persoa que queira facer unha primeira aproximación ao autor”.
Os lectores poderán realizar a través deste libro un percorrido pola traxectoria vital e profesional de Valentín Paz-Andrade, mediante documentos, fotografías e unha completa cronoloxía cos principais episodios do escritor e empresario. Ademais, tamén se inclúe unha antoloxía de poemas e artigos ilustrados con debuxos de Jaime Asensi.
Unha extensa axenda de actividades e publicacións promovidas por asociacións, escolas, empresas e institucións diversas celebra desde comezos deste ano o Día das Letras Galegas 2012. A Xunta de Galicia, como xa o vén facendo de maneira habitual, únese tamén a este festexo apoiando diversas iniciativas que contribúen a un maior coñecemento do autor ou autora homenaxeado.
No caso da celebración deste ano, Anxo Lorenzo recordou a aposta da Secretaría Xeral de Cultura por iniciar a posta en valor de Valentín Paz-Andrade “a través dunha ferramenta fundamental” como é o web oficial do autor (www.valentinpazandrade.es), impulsada en colaboración con Industrias Pesqueras e presentada o pasado mes de febreiro xunto coa Real Academia Galega, o Consello da Cultura Galega e o fillo do escritor, Alfonso Paz-Andrade.
Segundo avanzou Anxo Lorenzo na rolda de prensa de hoxe, durante as próximas semanas, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria irá dando conta de novas iniciativas que conmemoran a festa das Letras Galegas e que poñen en valor os nosos escritores e escritoras, a súa obra e a súa contribución á cultura e á lingua galegas”.
Fotografía: Xunta de Galicia.
R.