Cultura y la Fundación Otero Pedrayo digitalizarán unos mil documentos que pasarán a los fondos de la Biblioteca de Galicia

O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela Fariña, asinou na Cidade da Cultura co presidente da Fundación Otero Pedrayo, Víctor Freixanes, un convenio de colaboración dotado con 21.000 euros que ten como obxectivo a conservación e difusión dos fondos albergados nesta institución. En total, traballarase sobre 938 documentos que integran os fondos da Fundación Otero Pedrayo, unha actuación que procura como fin principal o mantemento e promoción da memoria colectiva sobre o escritor ourensán.
O convenio asinado ecolle a vontade da Fundación Cidade da Cultura de Galicia e da Fundación Otero Pedrayo de promover accións dirixidas a recuperar, conservar e facilitar o acceso e o estudo do patrimonio bibliográfico e documental da Fundación Otero Pedrayo, co fin de contribuír á súa difusión á sociedade. Será a través da descrición bibliográfica, reconversión a formato Marc (rexistro catalográfico lexible por máquina) e a formato dixital dos documentos conservados no arquivo e na biblioteca da Fundación Otero Pedrayo.
Os resultados deste proceso de descrición bibliográfica e de dixitalización poñeranse a disposición das dúas institucións e para a súa inclusión nos fondos dixitais e bibliográficos da Biblioteca de Galicia. O obxectivo é favorecer a súa utilización e difusión pública, de xeito que se permita a consulta dos documentos mediante as novas tecnoloxías da comunicación.
Esta colaboración enmárcase nos acordos alcanzados pola Consellería de Cultura e Turismo con institucións galegas que albergan legados de importancia para protexer e difundir o seu patrimonio bibliográfico e documental. O convenio asinado coa Fundación Otero Pedrayo pon de manifesto a importancia dos fondos que alberga esta institución, un tesouro bibliográfico e documental, único e singular do patrimonio galego. Tamén se destaca neste documento o importante papel que segue a xogar esta institución na conservación e difusión da cultura galega.
Será a Fundación Otero Pedrayo a encargada da descrición bibliográfica e da dixitalización dos fondos, un proceso que será sufragado pola Fundación Cidade da Cultura de Galicia cun total de 21.000 euros. En total, traballarase sobre 938 documentos que integran os fondos da Fundación Otero Pedrayo.
Máis en detalle, procederase á conversión a formato Marc de 136 descricións bibliográficas das monografías depositadas na Biblioteca Otero Pedrayo (113 do século XVIII, 14 do XVII e 9 do século XVI), de 382 das publicacións periódicas, memorias e anuarios e 416 descricións bibliográficas analíticas das colaboracións en prensa realizadas por Ramón Otero Pedrayo. Ademais, procederase á dixitalización de monografías de fondo antigo da biblioteca do escritor. Trátase de catro obras do século XVI que suman un total de 2.250 páxinas.
R.