La Xunta se compromete a declarar 2010 Año de la Lectura en Galicia

O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela Fariña, asistiuao acto literario de entrega da IV Edición do Premio PEN-VOZ de LIBERDADE no hostal dos Reis Católicos en Santiago de Compostela.
Na súa quenda de intervencións o conselleiro salientou as dotes de Marcos Valcárcel, o historiador ourensán galardoado este ano, como investigador, polígrafo, xornalista e ensinante ao que lle engadiu o seu “factor humano, o seu carácter conciliador e amable así coma por ser rigoroso e fiel ás súas ideas. A súa galeguidade e moderación, ben poden constituír un referente. El é xa un persoeiro esencial na cultura galega”.
Roberto Varela lembrou o seu compromiso a que o vindeiro ano 2.010 sexa declarado o Ano da Lectura en Galicia. Neste senso o conselleiro subliñou que un dos obxectivos prioritarios do seu departamento é conseguir que se adopten medidas tendentes a implementar políticas públicas para que os índices de lectura en Galicia converxan coas cifras do resto de España e de Europa.
Neste mesmo eido Varela Fariña comprometeuse a contribuír a desenvolver a lei do libro, recentemente aprobada no Parlamento de Galicia a máis de “darlle contido e sentido, a poñela en valor”.
O PEN-Club de Galicia é a sección galega do PEN Internacional, a organización que leva varias décadas traballando pola liberdade de expresión e recoñecendo o labor literario de escritores de todo o mundo. O seu principal obxectivo é fortalecer os vínculos entre sociedades e comunidades de diferentes culturas e idiomas mediante a lectura e a escritura cun apoio a liberdade de expresión, a promoción e a difusión da literatura.
R.