Lugo acoge la exposición Ramón Piñeiro. Olladas no futuro, sobre el homenajeado en las Letras Galegas 2009

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, manifestou o seu firme compromiso de gobernar facendo “do galeguismo e da democracia as dúas caras da nosa identidade”, tal e como o concibiu o escritor, pensador e filósofo Ramón Piñeiro, ao que este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas. “Como presidente da Xunta quero ser un discípulo máis de Ramón Piñeiro. Gobernarei co mesmo compromiso galeguista que se Piñeiro tivera a oportunidade de facelo en pleno século XXI”, aseverou o mandatario autonómico argumentando que o “galeguismo e a democracia” seguen a ser “as dúas chaves do futuro”.
Na súa intervención durante o acto de inauguración da exposición Ramón Piñeiro. Olladas no futuro, no que tamén participaron o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Vázquez, e o titular de Cultura e Turismo, Roberto Varela, Alberto Núñez Feijóo afirmou que dedicarlle o Día das Letras Galegas a Ramón Piñeiro “é un acto de xustiza con nós mesmos”. “El é máis que un escritor, máis que un pensador, máis que un filósofo”, asegurou o presidente da Xunta apuntando que Piñeiro traballou por facer do galeguismo “un clima común máis que un reduto privado” e que representa a toda unha xeración que fai “do galeguismo cordial unha rede que mantén unido a todo un país”.
“Representa a unha xeración de intelectuais galegos e cosmopolitas que abren de par en par as portas do galeguismo para que deixe de ser unha leira illada e se converta na forza vital da nova autonomía”, abondou Feijóo incidindo en que é unha xeración convencida de que a cultura e a poesía eran “unha arma cargada de futuro naquela época ingrata de noites de pedra”. “Velaí Galaxia, en cuxo ronsel de estrelas moitas mulleres e homes do meu tempo albiscamos unha Galicia pletórica e unha lingua fresca que nos axudou a recuperar a nenez perdida e a apreciar o noso idioma como ferramenta de modernidade”, agregou.
As palabras que nos deixou Ramón Piñeiro constitúen “o fundamento dunha Galicia entendida como punto de encontro no que se atopan pasado, presente e futuro”, precisou o xefe do Executivo autonómico sinalando que “son a primeira pedra dun autogoberno concibido como casa común de todos os galegos”.
Na súa intervención, Alberto Núñez Feijóo afondou na figura de Piñeiro destacando que o escritor e filósofo lancarao é “unha síntese de democracia e galeguismo, nun tempo –dixo-, no que non sempre eses conceptos ían da man”. “Piñeiro é un mentís aos agoiros dos crepúsculos das ideoloxías porque demostra que unha idea certeira pode provocar unha revolución e que unha idea certeira comunicada con tolerancia logra que esa revolución sexa pacífica e fecunda”, aseverou Feijóo sinalando que “a Galicia actual é consecuencia dun cambio que se forxa nesa pequena mesa camilla, que se fixo máis grande ata agrupar ao seu redor a todo un país”.
“Non hai moitos precedentes dun liderado intelectual baseado fundamentalmente na palabra dita máis que na escrita”, engadiu, explicando que hai quen lle busca a Ramón Piñeiro un “afastado parentesco socrático” co que dixo non estar moi de acordo. A este respecto apuntou que mentres que a tradición fala dun Sócrates malhumorado e amigo da gloria, dun filósofo que creou unha escola e dun “pasamento desgraciado”, Ramón Piñeiro “engaiola coa súa amabilidade e practica unha modestia conmovedora; moldea unha nacionalidade; e dinos adeus en medio do aprecio de todos e coa satisfacción de ollar no presente o que soñara no pasado”, concluíu Feijóo.
R.