Unha primavera para Aldara consigue siete premios María Casares de Teatro

O espectáculo Unha Primavera para Aldara do Teatro do Atlántico acadou sete premios María Casares de Teatro e o premio ao mellor espectáculo no decurso dunha gala celebrada no Teatro Rosalía Castro da Coruña, que por décimo terceiro ano acolleu a gran festa da escena galega. Obra (no comment) de PT Excéntricas logrou dous premios. Xulio Lago obtivo o premio ao mellor director por Unha Primavera para Aldara, Víctor Mosqueira foi o mellor actor por Obra (no comment) e María Bouzas a mellor actriz por Unha Primavera para Aldara.
A cita estivo caracterizada pola súa interpretación en clave feminina, dada a significación das mulleres nesta edición, a décimo terceira. A propia denominación dos galardóns, que levan o nome dunha actriz universal, a coruñesa María Casares, o Premio de Honra á escritora e xornalista, Ana Romaní, así como o número e calidade das nomeadas aos galardóns e mesmo a propia dirección do espectáculo, proposta da actriz Mariana Carballal, falan do importante papel da muller nas artes escénicas, que se compaxinou cun guión con abundantes alusións á situación de crise.
O evento congregou a todos os profesionais do mundo do teatro, tanto a coñecidos rostros da interpretación, como autores, directores, tramoistas, escenógrafos, maquilladores ou músicos, que previamente desfilaron pola alfombra, neste caso lila, nun guiño á cor da muller, estivo presentado polo actor Josito Porto. Ademais contou coa participación dos futuros profesionais das artes escénicas, membros da Escola Superior de Arte Dramático (ESAD) de Galicia, que mostraron a solidez da súa formación multidisciplinar cunha exhibición de números acrobáticos e interpretativos, zancudos, funambulistas, espadachíns e danza.
O presidente da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), Vicente Montoto, deu a benvida a todos os asistentes á Gala e resaltou que ás portas de celebrar os 25 anos da entidade promotora dos galardóns da escena galega, esta segue casada co “compromiso co teatro e co audiovisual, coa lingua e a cultura do país” como sector estratéxico nun contexto de crise. Apelou a que “o positivo que se leva feito non quede no esquecemento”, á hora de deseñar as novas políticas teatrais e audiovisuais co novo goberno autonómico, ao tempo que animou a “seguir mellorando todo o mellorable”. Así mesmo, reivindicou o Plan das Artes Escénicas, e os seus órganos como “o mellor instrumento de comunicación entre gobernantes e gobernados” e exhortou a que “ningunha crise pode converter en papel mollado” os seus compromisos e orzamentos.
Con “firmeza e rigor, transparencia e lealdade” e “moita constancia” animou Montoto a todos os profesionais das artes escénicas a entrar “nos novos tempos que se aveciñan”, en relación ás dificultades da crise, tamén dentro do sector, á que aludiu o dramaturgo Gustavo Pernas, encargado de pronunciar o Manifesto do Teatro Galego que conmemora o Día Internacional do Teatro, para invocar o teatro como “un espazo crítico” que “depende do mercado pero non pode ser unha mera mercancía” e que “traballa con papeis pero non pode afogar na burocracia”, e identificalo coma arte, comunicación, provocación, emoción, risco, axitación, humor, maxia, poesía ou acción.
Unha primavera para Aldara 7
Obra (no comment) 2
Aeroplanos 1
A boa persona de Sezuan 1
Dame veleno eu tamén soñar 1
E ti quen ves sendo 1
MELLOR ESPECTÁCULO
Unha primavera para Aldara Teatro do Atlántico
MELLOR DIRECCIÓN
Xúlio Lago Unha primavera para Aldara Teatro do Atlántico
MELLOR ACTRIZ PROTAGONISTA
María Bouzas Unha primavera para Aldara Teatro do Atlántico
MELLOR ACTOR PROTAGONISTA
Víctor Mosqueira Obra (No comment) PT Excéntricas
MELLOR ACTRIZ SECUNDARIA
Rebeca Montero A boa persoa de Sezuán Centro Dramático Galego
MELLOR ACTOR SECUNDARIO
Artur Trillo E ti, quen vés sendo? Talía Teatro
MELLOR ESCENOGRAFÍA
Carlos Alonso Unha primavera para Aldara Teatro do Atlántico
MELLOR TEXTO ORIXINAL
Teresa Moure Unha primavera para Aldara Teatro do Atlántico
MELLOR ADAPTACIÓN/TRADUCIÓN
Avelino González e Olga F. Nogueira Aeroplanos Lagarta lagarta
MELLOR MÚSICA ORIXINAL
Suso Alonso Obra (No comment) PT Excéntricas
MELLOR ILUMINACIÓN
Xúlio Lago Unha primavera para Aldara Teatro do Atlántico
MELLOR VESTIARIO
Carlos Alonso Unha primavera para Aldara Teatro do Atlántico
MELLOR MAQUILLAXE
Cristina Couto Dame veleno, eu tamén soñar Sarabela Teatro
R.