El Círculo de Bellas Artes de Madrid acoge la exposición As nosas palabras, os nosos mundos

"A diversidade lingüística de España é un valor incalculable do que todos deberiamos sentirnos orgullosos". Con estas palabras, a secretaria xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Marisol López, defendeu o valor das linguas cooficiais como un patrimonio de todo o Estado. Con motivo da inauguración en Madrid da exposición "As nosas palabras, os nosos mundos", a responsable galega de Política Lingüística ofreceu un almorzo informativo para explicar os contidos e as mesaxes da mostra.
Marisol López realizou unha defensa do plurilingüismo como un valor positivo que facilita o diálogo, o respecto, a comprensión e a integración social. Neste sentido, sinalou que a promoción e o respecto pola diversidade lingüística é un dos retos que se formulan na sociedade actual, e que debe ser afrontado "con vontade de diálogo, capacidade de comprensión e un marco de traballo e acordo".
A secretaria xeral explicou que en Galicia, "a sociedade demanda consenso porque non percibe o plurilingüismo como un problema", unha fotografía social que avalan os datos de uso e competencia lingüística en galego: máis do 99 por cento da poboación entende o galego e máis do 87 por cento fálao sempre ou con frecuencia.
Fronte ao discurso que presenta as linguas como un problema social, Marisol López asegurou que en Galicia non se impón o galego nin se percibe socialmente un conflito, e apostou por traballar en positivo e con normalidade para alcanzar unha maior igualdade social entre as linguas cooficiais.
Neste sentido, explicou que a Xunta de Galicia traballa para garantir un ensino de calidade, que facilite o dominio das dúas linguas oficiais e doutras, e lembrou que “o decreto de promoción do galego no ensino, actualmente en vigor, foi acordado por todos os grupos políticos e inspirado no Plan xeral de normalización da lingua galega”, polo que dixo non entender a que obedece a ruptura dese consenso por parte do PP.
Tras o encontro cos medios de comunicación, a secretaria xeral de Política Lingüística inaugurou a exposición, que permanecerá no Círculo de Belas Artes ata o próximo 25 de novembro. Acompañou á secretaria xeral neste acto o secretario de Estado de Asuntos Constitucionais e Parlamentarios, Francisco Caamaño. Así mesmo, asistiron tamén a esta inauguración os secretarios xerais de Presidencia e Educación da Xunta de Galicia, Gumersindo Guinarte e Benito Fernández, e o director da Casa de Galicia en Madrid, Alfonso S. Palomares, entre outras autoridades.
A exposición, organizada polo Goberno galego con motivo do Ano Internacional das Linguas e o Ano Europeo do Diálogo Intercultural, chega a Madrid para promover o uso do galego no marco da diversidade de linguas e na sociedade actual.
“As nosas palabras, os nosos mundos" permanece aberta ao público no Círculo de Belas Artes todos os días ata o 25 de novembro. De luns a sábado, as visitas poden realizarse de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 21:00 horas. O horario de apertura dos domingos e festivos é de 11:00 a 14:00 horas. A mostra estivo en cidades como Santiago de Compostela, Bilbao, Vigo ou Bruxelas. De Madrid partirá cara á Coruña, Barcelona, Sevilla, Pontevedra, Lugo, Bos Aires e Ourense.
Ademais, en paralelo á exposición, está en marcha o sitio web www.asnosaspalabras.org, a primeira web galega sobre a diversidade lingüística, que permite unha visita virtual á exposición e acceder á información de interese sobre o galego e sobre outras linguas do mundo. A web pode visitarse en sete idiomas.
"As nosas palabras, os nosos mundos" conta con catro bloques temáticos que lles permiten aos visitantes achegarse á diversidade lingüística a través de diferentes elementos visuais, gráficos e sonoros. A visita pode realizarse en sete idiomas -castelán, galego, éuscaro, catalán, inglés, francés e neerlandés-flamengo-, aos que se suma a presenza doutras 25 linguas a través dos diferentes contidos multimedia. Así mesmo, a exposición dispón de sistemas alternativos para persoas con discapacidade sensorial (visual e auditiva).
O punto de partida é "As orixes", que introduce o visitante no misterio do nacemento da linguaxe coas primeiras manifestacións de petróglifos e pinturas rupestres. O percorrido desemboca na "Árbore das linguas", que axuda a entender a evolución histórica e a diversidade dos idiomas.
No módulo denominado "Isto é galego", o visitante pode descubrir a historia da lingua galega dende a Idade Media ata os nosos días, a través de personaxes e acontecementos sociais e políticos significativos.
Os contidos do terceiro bloque, que lle dá título á exposición, apostan pola sustentabilidade lingüística e poñen en valor o plurilingüismo e a riqueza da multiculturalidade. Preséntanlle ao visitante amenos xogos de escoita que permiten descubrir o son e a caracterización das distintas linguas do mundo.
Por último, "A nosa lingua na nosa vida" é o tramo que reflicte a importancia do galego nas novas tecnoloxías e no ámbito empresarial. Nel tamén se mostran exemplos da lingua galega noutros ámbitos da sociedade como a música, a literatura ou o cinema.
R.