Presentada la exposición: San Froilán, culto e festa
![](http://www.galiciadigital.com/images/noticias/san_froilan.jpg)
La exposición se acompaña de un volumen especial con una edición de 1.000 ejemplares en gallego y otros tantos en castellano, además de trípticos y folletos explicativos. Valorar la historia de las ferias y fiestas de San Froilán, teniendo en cuenta aspectos etnográficos, sociales, económicos y de ocio, es el principal objetivo de la exposición.
Nota remitida por el Gabinete de Comunicación de la Consellería de Innovación e Industria de la Xunta:
O director-xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Ignacio Rodríguez Eguíbar, e o comisario de Exposicións do Xacobeo, Francisco Singul Lorenzo, o delegado da Consellería de Innovación e Industria en Lugo, Ramón Xesús Cortés e mais o ideólogo da mostra, o profesor de Historia Moderna da Universidade de Santiago de Compostela, Domingo L. González Lopo, presentaron en Lugo a mostra San Froilán: culto e festa. A exposición, que se inaugura o día 29 de setembro, terá dúas sedes na capital lucense. A capela de San Froilán da Catedral de Lugo e mais unha estrutura modular temporal instalada na praza Ángel Fernández Gómez. Ambas sedes están a ser acondicionadas para acoller as pezas desta magna exposición, coa que continúa en Lugo a programación expositiva de produción propia do Xacobeo.
O texto introdutorio forma parte da tradución da guía práctica que, en 1495, publica en Estrasburgo o alemán Herman Künig von Vach. O único cambio que propón a guía de Künig con respecto ao itinerario do Libro V do ‘Calixtino’ é o desvío a Lugo. A primeira edición desta guía procedente de Alemaña poderá contemplarse na mostra que se presentou en Lugo.
Dende o 29 de setembro ata o 26 de novembro, Lugo será a cidade de referencia para os estudosos e interesados na figura de San Froilán e na lenda e na memoria do santo. A mostra está integrada por máis de 120 pezas que se dividirán entre as dúas sedes da mesma. A exposición pretende contextualizar histórica e culturalmente a figura e a memoria de San Froilán na cidade de Lugo; relacionar a vida, obra e tempo de San Froilán co reino de Asturias, León e Al-Andalus, en especial pola súa política de repoboación e fundación de mosteiros nunha terra de fronteira. Entre os obxectivos da mesma está tamén o de valorar a figura e o tempo de San Froilán en relación coas peregrinacións xacobeas en época de Afonso III.
No tocante á lenda e á memoria do santo no Lugo do século XII, a mostra destaca tres puntos esencialmente: a construción da catedral románica e do suposto sepulcro de Santa Froila; a conexión con Europa; e a concesión do privilexio da exposición perpetua do Santísimo. A mostra tamén terá en conta a memoria de San Froilán no final da Idade Media, tanto en Lugo como en León e valorarase a posición de Lugo, na no século XV, como cidade de paso do Camiño Francés.
O culto ao santo na época barroca e a historia das feiras e festas de San Froilán en Lugo, tendo en conta aspectos etnográficos e socioeconómicos tamén formará parte importante deste proxecto. As pezas que se expoñerán na mostra abarcan un período de máis de quince séculos de Historia.
O director-xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Ignacio Rodríguez Eguíbar, destacou a importancia da mostra para aprender sobre a figura de San Froilán e a súa relación coa cidade, así como a unión da historia deste personaxe coa tradición dos festexos. Ignacio Rodríguez Eguíbar resaltou, do mesmo xeito, a colaboración do Concello de Lugo no proxecto e mais do Bispado de Lugo. Pola súa parte, o comisario da exposición, Francisco Singul Lorenzo, destacou aspectos técnicos e temáticos da mostra que, segundo dixo, intenta “transcender a figura en si mesma do santo para consideralo un símbolo da cidade e a través del desenvolver un proxecto sobre a cultura e a historia da cidade de Lugo”. Segundo Singul, “o Xacobeo intentou configurar un proxecto integral sobre a figura de San Froilán e a súa vinculación coa cidade e repasar a historia de Lugo e comprender dende a raíz a súa vinculación co Camiño Francés”.
San Froilán: Culto e Festa estará acompañada dun volume baixo o mesmo título da exposición do que se editarán 1.000 exemplares en galego e 1.000 en castelán. Tamén haberá folletos nos dous idiomas que recollen o esencial da mostra. O volume recolle os elementos que forman parte da exposición pero inclúe unha visión máis ampla da época e un estudo pormenorizado da figura do santo patrón da cidade das murallas.
A exposición San Froilán: Culto e Festa ten moi en conta as orixes cristiás de Lugo e, en xeral, de Galicia. Analiza tamén a Idade Media, a época sueva, visigoda e o tempo da repoboación do bispo Odoario. Parte importante da mostra estará ocupada na análise da época propia de San Froilán e mais do mundo da arte e da mentalidade medieval no século no que se constrúe a catedral románica lucense. Na mostra tentará renderse homenaxe á basílica de Santa María de Lugo. Do mesmo xeito, evocarase a presenza dos peregrinos xacobeos en Galiza e na cidade de Lugo na última etapa da Idade Media; unha época na que se potencia de maneira significativa o culto a San Froilán, tanto en León como na capital lucense, que conta dende 1481 cun altar dedicado ao santo.
A festa barroca será outro dos apartados temáticos da mostra, no que se pretenderá representar o marco cultural no que se produce a exaltación postridentina, cunha marcada etapa de esplendor para a arte galega. A ourivería sacra e a imaxinería da época estarán representadas na exposición.
Do mesmo xeito, evocaranse as feiras e as festas que, dende mediados do século XVIII ata a actualidade, relacionan o espectáculo profano e a actividade comercial coa festa relixiosa que se desenvolve na cidade de Lugo cada mes de outubro.
San Froilán: culto e festa será unha exposición de homenaxe á cidade de Lugo e á figura histórica de San Froilán, que pretende facer unha síntese da cultura lucense dende o s tempos finais da época romana ata os nosos días.
Entre as pezas que integran a exposición que os lucenses poderán visitar durante as festas destacan o célebre Crismón de Quiroga, placa de mármore da segunda metade do século IV, ou primeira do V; os restos marmóreos da nave inferior de Santa Eulalia de Bóveda; algúns restos visigóticos da igrexa de Santiago de Saamasas; o capitel da Igrexa de San Pedro de Seteventos.
Entre as obras do monxe cántabro Beato de Liébana destacan os célebres Comentarios á Apocalipse. Un facsímile deste códice é o denominado Beato de Tábara, feito nun dos mosteiros fundados por San Froilán, o mosteiro de San Salvador de Tábara, poderá admirarse na mostra. Os modillóns mozárabes galegos do mosteiro de Sobrado dos Monxes e da igrexa de Vilanova dos Infantes, así como un capitel califal cordobés serán outras das pezas relevantes.
Tamén da época de Afonso III o Magno se poderán admirar un beiril da igrexa de san Xes de Francelos e unha réplica da cruz de ouro e pedrerías, símbolo do reino ástur. Coleccións de acibeches e imaxes de Santiago, así como a primeira edición da guía práctica de Künig, xa comentada, aras romanas e o relicario de prata coa reliquia de San Froilán, así como a imaxe do santo son algunhas das pezas únicas polas que pagará a pena visitar a mostra, que se completará cunha parte etnográfica e outra audiovisual e fotográfica, procedente do arquivo do fotógrafo Xosé Luís Vega, para ilustrar a festa pagá.
http://sanfroilan.galiciadigital.com
R.