Santiago de Compostela acoge la IV Feria de las Artes Escénicas de Galicia entre el 13 y el 17 de junio
![](http://www.galiciadigital.com/images/noticias/merda.jpg)
Nota de prensa del Igaem:
A Sala Yago, co seu espectáculo Merda, é a encargada de inaugurar a XIV Feira das Artes Escénicas de Galicia, que se desenvolve até o 17 de xuño en sete espazos da cidade de Santiago coa participación de 27 compañías de teatro e danza. Nesta xornada inaugural tamén exhiben os seus últimos traballos os grupo galegos Talía Teatro, Teatro do Aquí e Eme2-Ludd, ademais do catalán Tantarantana Teatre.
O Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais (IGAEM) da Consellería de Cultura e Deporte organiza este encontro, para o que están acreditados un total de 150
programadores, produtores, distribuidores e axentes culturais de toda Galicia, así como do resto do Estado (Andalucía, Aragón, Castela-A Mancha, Castela e León, Cataluña, Comunidade Valenciana, Euskadi, Illas Baleares, Madrid, Navarra) e de Portugal, co obxectivo de promover a contratación dos espectáculos que conforman esta programación.
![](http://www.galiciadigital.com/images/noticias/igaem_logo.jpg)
Esta décimo cuarta edición da comezo ás 16.15 horas do 13 de xuño con Merda, unha produción da Sala Yago que é exhibida neste mesmo escenario compostelán. O actor Ricardo de Barreiro debuta profesionalmente con este monólogo, no que ten como auditorio aos habitantes dun camposanto. De Barreiro é, ademais, autor do texto xunto a Rafael G. García e Xavier Estévez, quen se estrea tamén como director.
A compañía catalá Tantarantana Teatre chega a Santiago con Idaho y Utah, nanas para nenes malitos, que escenificará no Teatro Galán ás 18.00 horas. Creado e dirixido por Albert Espinosa, un dos novos autores cataláns de maior proxección, este espectáculo sitúase no terreo da comedia, mesturando tenrura e ironía para abordar unha historia que parte do descubrimento por parte dun dos protagonistas dunha menciña para poder vivir sen durmir. O propio Espinosa forma parte do elenco, xunto a Rebeca Comerma, Álex Casteleiro e Ángel Roldán.
![](http://www.galiciadigital.com/images/noticias/esperando_a_godot.jpg)
Teatro do Aquí preséntase neste encontro escénico con A ópera de a patacón, un texto do desaparecido Roberto Vidal Bolaño, sobre textos de John Gay e Bertolt Bretch, que xa fora montado pola compañía e que agora recupera en homenaxe ao que foi o seu fundador e director. Marcos Orsi dirixe esta nova versión, interpretada por Xoán Carlos Mejuto, Pepa Yáñez, Ledicia Sola e Luis Iglesia, con música en directo de Javier Debesa, Cándido Lorenzo e Xabier Camba.
Por último, e dentro da aposta da dirección da Feira polas novas compañías que están a abrirse camiño na escena galega, a xornada inaugural péchase ás 00.30 horas na Chocolataría con Census, o soño do enumerador, unha produción de Eme2 e o colectivo Ludd na que se combina teatro, interactividade, activismo e experimentación audiovisual. Roi Fernández é o autor desta proposta multimedia, que pon en escena xunto a Nela Quesada e Isaac Cordal.
A XIV Feira das Artes Escénicas inaugura tamén o seu programa de actividades
paralelas, que desenvolve na Fundación Gonzalo Torrente Ballester e no marco do que se exhibe a exposición O escenario da ilusión. A través dunha vintena de pezas orixinais recuperadas ou reconstruídas, a mostra –que pode ser visitada até o 24 de xuño, en horario de 11.00 a 20.00 horas– propón unha viaxe no tempo cara ao teatro barroco dende a perspectiva da profesión escenográfica e arredor de tres eixes temáticos: son, luz e enxeñería teatral. Tanto o cartel de espectáculos como o programa paralelo, dentro do que ten lugar unha reunión dos membros da Rede Galega de Teatros e Auditorios, pode ser consultado na páxina web http://www.feiradasartesescenicas.com.
Máis información, tamén, na sección Axenda de www.galiciadigital.com.
R.