O Salón Teatro acollerá a estrea absoluta de 'Dique', a nova produción de Nova Galega de Danza
![](http://www.galiciadigital.com/images/noticias/dique-nova-galega-danza.jpg)
No acto, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude destacou a eficiencia do modelo de coproducións para "contribuír ao fomento da creación de danza na nosa Comunidade". Neste sentido, especificou que nos últimos cinco anos a Xunta posibilitou a montaxe de 16 pezas de danza mediante esta fórmula público-privada, que conxuga a achega económica coa colaboración entre os de equipos humanos e a posta a disposición de materiais.
Colaboración entre equipos
Así, no caso de Dique, as instalacións do Centro Coreográfico Galego, na Coruña, acolleron un total de 26 xornadas de audicións, residencias previas e ensaios do espectáculo; e estes días, na sede do Centro Dramático Galego, están a ter lugar os últimos axustes técnicos e artísticos de cara á estrea, na que se implica boa parte do persoal do Salón Teatro.
Dique pon en diálogo a danza contemporánea e a danza tradicional galega nunha conversa que reflicte a conexión entre o pasado e o presente. A peza nace do desexo do director artístico de Nova Galega de Danza, Jaime Pablo Díaz, de recuperar a historia esquecida das máis de 200 mulleres que, durante a construción do Dique da Campá de Ferrol entre 1874 e 1879, retiraron 245.000 metros cúbicos de terra e pedras que transportaron en 11.600.000 cestos sobre as súas cabezas.
Nova Galega de Danza formou un equipo artístico e técnico integramente feminino, con Marta Pazos á fronte da dirección escénica e da dramaturxia, con coreografía de Belén Martí Lluch e composición musical de Clara Aguilar. Sobre o escenario estará un elenco de oito bailarinas: Nuria Alaña, Carmen Cebrián, Alba Cotelo, Estefanía Gómez, Alicia López, Laura Santamariña, María de Vicente e Inés vieites.
Plan Integral para a Danza de Galicia
Nova Galega de Danza, coa proposta Dique, foi a adxudicataria da convocatoria dun contrato de coprodución para creacións de gran formato do Centro Coreográfico Galego, asinado a través da Axencia Galega das Industrias Culturais en seguimento dos obxectivos marcados no Plan integral para a Danza da Xunta de Galicia.
Este novo título únese á nómina de espectáculos que o Goberno galego coproduce a través do Centro Coreográfico Galego. Actualmente, está en fase de valoración a convocatoria pública de 2024, que, ademais de Dique, porá en marcha outros tres novos espectáculos de danza e artes do movemento. As pezas que resulten seleccionadas, dúas de compañías consolidadas e unha de profesionais emerxentes, deberán estrearse antes do 31 de marzo de 2025.
O obxectivo deste programa de coproducións, promovido xa por oitavo ano consecutivo, é favorecer a produción de danza en todas as súas modalidades, impulsar a creación de espectadores para esta disciplina escénica e consolidar produtos culturais competitivos que xeren retorno. Entronca, neste sentido, cos obxectivos recollidos no Plan Integral para a Danza de Galicia, elaborado pola Xunta a partir dun proceso participativo co sector.
R.