Unha mostra do Gaiás reivindica artistas galegas que despuntaron nos 80 e cuxa obra non gozou da merecida visibilidade debido aos condicionantes de xénero
![](http://www.galiciadigital.com/images/noticias/outras-historias-posibles.jpg)
A Cidade da Cultura acolle este proxecto co fin de sumar, a partir do seu exemplo, relatos que engadan novas perspectivas de valor para enriquecer a narrativa dominante dentro da historia da arte. Un discurso onde as mulleres seguen relegadas con frecuencia ás marxes e notas ao pé por motivos alén da súa calidade. Revelar estas realidades acotío desapercibidas e celebrar a pluralidade do talento son os piares sobre os que Susana Cendán constrúe estas Outras historias posibles.
O espazo expositivo incluirá así unha ampla mostra de pinturas, esculturas, xilografías, catálogos e revistas que permiten apreciar a traxectoria destas seis artistas, todas elas nacidas na década dos 50 do pasado século XX. Esta escolma compleméntase con entrevistas gravadas nas que son elas mesmas as que dan conta das súas inquedanzas vitais e profesionais.
A comisaria: Susana Cendán
Susana Cendán é licenciada en Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela e doutora en Historia da Arte Moderna e Contemporánea pola Universidade Complutense de Madrid. Na actualidade exerce a docencia na Facultade de Belas Artes de Pontevedra, no Máster en Deseño e Dirección Creativa de Moda e no Grao en Deseño da Universidade de Vigo.
Xunto coa docencia, a súa traxectoria compleméntase con investigacións e proxectos expositivos relacionados coa construción cultural da identidade, a análise da indumentaria como unha forma de expresión creativa, ou a exposición de narrativas pexorativas ao redor da muller e, concretamente, da muller artista, reivindicando unha maneira plural de entender a arte.
A práctica curatorial enténdea como un instrumento eficaz para incentivar a crítica, dar visibilidade a problemáticas presentes nos debates artísticos, sociais e culturais, e afondar en aspectos relacionados coa creación contemporánea. Entre os seus últimos proxectos destacan Así nos ven. Así somos? A imaxe da muller na arte (Pinacoteca Fernádez del Riego, 2016), Un rolo de papel continuo (Universidade de Vigo, Afundación Vigo e A Coruña. 2017-2018), e Almudena Fernández Fariña. Pisando Charcos (CGAC, 2023).
R.