Entregados os premios do certame literario Frei Martín Sarmiento e do certame audiovisual REC.curta
![](http://www.galiciadigital.com/images/noticias/libros.jpg)
A regueifeira Lupe Blanco conduciu a gala, que foi inaugurada Valentín García, acompañado por María Teresa Iglesias, presidenta de Escolas Católicas. O salón de acolleu as máis dun cento de persoas entre o alumnado, os autoras e autores recoñecidos como obras gañadoras desta vixésima edicións dos Sarmiento e os seus editores.
Na súa intervención na entrega de premios, Valentín García puxo en valor estes premios por estimular a creatividade en lingua galega en diversas xeracións e a través de diversos medios. Ademais, considerou que son mostra da versatilidade e das posibilidades que lles ofrece aos máis novos a lingua propia de Galicia.
Premios Sarmiento
Máis de 3.000 alumnos e alumnas, tras ler as obras finalistas, emitiron as súas valoracións para escoller as obras gañadoras das sete categorías.
Os títulos seleccionados na categoría Infantil foron Caderno de cores e cancións, de Magín Blanco e Sonia García, como ilustradora, e está editado por Galaxia. Na de primeiro e segundo curso de Educación primaria foi distinguido Violeta parapluie e outras historias de xente pouco corrente de Ramón D. Veiga, publicada por Edicións Embora.
Na segunda categoría establecida para alumnado de 3º e 4º de primaria, distinguiuse A pulga espacial de Xabier Domínguez e Alba de Evan, publicada por Edicións do Cumio. E na categoría de 5º e 6º, premiouse a Sálice e Sándalo, de Antela editorial.
Nos premios para o 1º e 2º de ESO está Cituta para dous, de Xerais e na de 3º e 4ª de ESO distinguiuse o labor de tradución de Un feiticeiro de terramar traducido por Tomás G. Ahola e editado por Boadicea editora.
Na categoría de Bacharelato e adultos, premiouse A saga das curandeiras, de Marisa Castro, publicado por Hércules de ediciones.
Certame REC.curta
Un total de 16 curtas foron as candidatas aos recoñecementos do audiovisual. Un ano máis, o alumnado reflectiu nos seus traballos os temas que máis lles preocupan como o acoso, a soidade, a vinganza, a presenza das artes na actualidade, o tempus fugit, o automatismo dominante na vida dos humanos, o amor, a memoria histórica, a necesidade de preservar as nosas tradicións e sobre o patrimonio oral, como as lendas ou a necesidade de afrontar os problemas xuntos.
Todos eles convidan o espectador a reflexionar sobre algún aspecto da nosa realidade desde a ollada de alumnos e alumnas que teñen entre 12 e 17 anos de idade.
As mellores curtas no Festival de Cans
As curtametraxes recoñecidas como Mellores curtas e as que destacan polo Mellor uso da lingua irán ao Festival de Cans onde asistirán a distintas actividades e onde, ademais, poderán ver proxectados os seus filmes.
Na primeira categoría, de alumnado de 6º de Primaria, 1º, 2º e 3º de ESO gañou Compaña. Esta curtametraxe reivindica as nosas tradicións e xira ao redor da Santa Compaña. Foi elaborada por alumnado do Colexio Franciscanos de Lugo.
Na segunda categoría, na que participa alumnado de 4º de ESO, Bacharelato e FP, distinguiuse a Que é o que pasa cando te achegas. Curtametraxe que correu a cargo de alumnado de FP básica do colexio Divino Maestro de Lugo. Nela reflíctese a importancia de valores, como a solidariedade, a empatía e a amizade.
R.