O Centro Dramático Galego afonda na conexión coas principais entidades teatrais lusas nun espectáculo sobre a figura da actriz galega Manuela Rey

Pola banda galega, Mariana Carballal, Raquel Crespo e Xosé Lois Romero, quen asina tamén a música, integran o elenco do espectáculo xunto aos intérpretes portugueses Neto Portela, Nuno J. Loureiro, Rafaela Sá e Teresa Vieira. Estarán acompañados en escena pola arqueóloga do INCIPIT/CSIC Paula Ballesteros, responsable á súa vez da investigación histórica. Pedro Azevedo deseñou o vestiario e a escenografía, realizada polos técnicos do Centro Dramático Galego, mentres que Nuno Meira se encargou da iluminación.
O equipo de Manuela Rey Is In Da House complétase coas achegas de Neto Portela e Guilherme de Sousa nos apoios á creación e ao movemento, respectivamente, e a colaboración especial de Paula Mora, actriz residente no Teatro Nacional D. María II.
De Mondoñedo a Lisboa
A partir de textos de Almeida Garret, Eduardo Augusto Vidal, Ernesto Marecos, Manuela Rey, Paula Ballesteros, Sousa Bastos, Xaquín Núñez Sabarís e o propio elenco, o espectáculo tenta reconstruír a memoria arredor da actriz e escritora alcumada “a muller lirio”, nada nunha casa de aldea de Mondoñedo en 1842 e falecida aos 23 anos na capital lusa.
Rodeada de misterio, a historia da súa vida chega á actualidade a partir de fragmentos soltos e contraditorios. Unha das teorías arredor dela sostén que con seis anos foi entregada pola súa familia a unha compañía teatral itinerante coa que percorreu León, Palencia e numerosas localidades portuguesas antes de chegar a Lisboa, onde Manuela Rey triunfou no Teatro Nacional Dona María II.
Ademais de brillar en escena, existen referencias de que escribiu tamén algunhas obras como a comedia A actriz ou proverbio Por este deixarás pae e mãe. En canto á súa vida persoal, na capital lusa circulaba o insistente rumor de que o rei Pedro V quedara prendido da galega e, posteriormente, o dramaturgo J. A. Correia de Barros e o xornalista Francisco Serra chegaron a se bater en duelo por ela.
Manuela Rey Is In Da House poderá verse en marzo de 2023 no Teatro Principal de Santiago de Compostela. Todo o equipo volverá así á capital de Galicia, xa que a nave de servizos artísticos da Axencia Galega das Industrias Culturais acolleu nas últimas semanas gran parte do período de ensaios previos á estrea portuguesa.
Proxectos internacionais
Con esta nova produción, a Xunta continúa afianzando o marco de acción internacional da súa unidade teatral, que o ano que vén celebrará o seu 40º aniversario. Nestes momentos, o Centro Dramático Galego é parte de varios proxectos europeos como o Phone para darlle voz desde as táboas ás linguas minorizadas ou o Nós/Nous, que ten como obxectivo promover a práctica teatral e o intercambio exterior de estudantes de Arte Dramática no treito final da súa formación. Dentro desta última iniciativa, o pasado mes de xuño estreouse o espectáculo Ifixenia, coproducido xunto a outras compañías institucionais e centros de ensino teatral superior de Galicia, Francia e Portugal.
Entre as recentes colaboracións coa escena lusa, destaca así mesmo o traballo xunto ao Círculo de Iniciação Teatral da Academia de Coimbra e ao Teatro Nacional de Cataluña para recuperar o histórico proxecto de Ricart Salvat Castelao e a súa época, nunha lectura dirixida por Carme Portaceli e estreada en setembro no marco da Mostra de Teatro Galego de Coimbra.
R.