Pasar al contenido principal
Cultura Galega | Cultura Gallega logo

Enlaces primarios

  • Inicio
  • Galerías de Autores
    • Arquitectura
    • Artesanía
    • Deseño Gráfico
    • Deseño Moda
    • Escultura
    • Esmalte
    • Fotografía
    • Gravado
    • Ilustración
    • Multimedia
    • Pintura
  • Publicacións
  • Concursos
    • Bases
    • Premios
  • Alta de Autor
  • Alta Directorio
  • Contacto

Pakolas, Museo do Pobo Galego, Orgullo galego e Daniel Romero gañan os Premios Rosalía de Castro da Deputación da Coruña

O xurado, presidido pola deputada de Normalización Lingüística, María Muíño, estivo conformado por María Canosa Blanco, gañadora na categoría persoas da anterior edición; Irimia Fernández Álvarez, gañadora na categoría iniciativas de dinamización tamén en 2022; e por María Alicia Fernández Rodríguez, representante de AELG, entidade que tamén resultara gañadora o pasado ano. Como secretaria actuou Dores Sánchez Alegre, técnica de normalización lingüística da Deputación da Coruña.

Na categoría de persoa, o xurado decidiu premiar a Daniel Romero, xestor de actividades culturais e de normalización lingüística no Concello de Fene, por “abrir novos camiños e innovar en diferentes ámbitos sociais e de dinamización da lingua, realizando un traballo continuado durante décadas”. No seu informe, o xurado tamén salienta que “o seu exemplo, coherencia e compromiso convérteo no faro das persoas dedicadas á normalización lingüística”, tras máis de 40 anos traballando tanto desde o concello como desde outras responsabilidades profesionais nesta longa traxectoria. Da súa man, o galego chegou con forza ás tecnoloxías da información e á comunicación con iniciativas en que Daniel Romero participou como Ciberlingua, galego.org ou Vieiros.

En canto á categoría de entidades, o xurado concede o premio exaequo ao Museo do Pobo Galego e a Orgullo Galego, considerando que ambas propostas son “divulgadoras e mantedoras de coñecemento e contido cultural”; no caso do Museo do Pobo Galego “cunha traxectoria xa consolidada no tempo”, mentres que Orgullo Galego representa “unha nova expresión de transmisión da lingua e cultura galegas”. Neste sentido, a proposta do Museo do Pobo Galego, no eido lingüístico, salienta a conservación e custodia dunha extraordinaria Biblioteca declarada de Especial Interese para Galicia no ano 2012. Este acervo bibliográfico e documental está composto polos máis de 100.000 volumes, entre libros e publicacións periódicas, que conforman a Biblioteca, cun Arquivo que ocupa máis de 600 metros lineais (entre manuscritos e mecanoescritos) e un conxunto de materiais de características singulares: fotografías, postais, mapas e planos, carteis, partituras, pergameos ou follas voandeiras. Mentres, pola súa banda Orgullo Galego é unha iniciativa destinada a normalizar o uso da lingua galega nas redes sociais, para que a poboación teña espazos de referencia do idioma propio e que figure en pé de igualdade con outros idiomas do mundo, demostrando que é unha lingua viva, moderna e con futuro e fai parte das ferramentas tecnolóxicas máis actuais.

Por último, na categoría de proxecto de dinamización lingüística que realiza un traballo específico cos tramos da poboación de menor idade, o xurado escolleu a proposta ‘Pakolas. Rock infantil e familiar en galego’ por considerar que “utiliza unha linguaxe universal, a música, para involucrar calquera xeración no uso normalizado da nosa lingua”. O informe do xurado tamén indica que “non só utiliza a súa enerxía e entusiasmo sobre o escenario, senón que fai uso doutras vías para divulgar e promocionar a cultura”. ‘Pakolas’ é o músico e narrador Paco Cerdeira en formato solitario, cun espectáculo co que percorre bibliotecas, centros de lectura, feiras do libro, e outros espazos como teatros, auditorios, ou centros sociais.

Directorio

  • Ensinanza (19)
  • Editoriales (97)
  • Museos (122)
  • Salas Exposición (127)
  • Artesanía (554)
    • cerámicas (108)
    • coiro (46)
    • gráficas (12)
    • metal (82)
    • pedra (40)
    • vidro (30)
    • instrumentos (22)
    • textil (68)
    • xoiería (39)
    • madeira (67)
    • varios (41)
  • Teatro (239)
    • maxia (22)
    • aficionados (126)
    • compañías profesionais (93)
  • Música (1179)
    • son e iluminación (22)
    • varios (168)
    • solistas, duos y trios (30)
    • orquestras y grupos (43)
    • música clásica (283)
    • grupos folk-rock-pop (154)
    • rondallas (39)
    • corais e orfeóns (296)
    • bandas de música (149)
  • Cultura Tradicional (319)
    • agrupacións de canto tradicional (56)
    • grupos de música popular (262)
  • Bibliotecas (813)
    • bibliotecas públicas (456)
    • bibliotecas especializadas (357)
  • Danza (308)
    • outras danzas (38)
    • danza tradicional galega (270)

Aviso Legal | Política de Privacidad | Política de cookies

Aldeas Gallegas

Usamos cookies propias y de terceros para mostrar publicidad personalizada según su navegación.
Si continua navegando consideramos que acepta el uso de cookies. OK Más información