Presentado en Lugo o libro 'XESÚS MATO, 90 anos… e 50 do seu Fuxan os Ventos'
![](http://www.galiciadigital.com/images/noticias/IMG_20230117_200931.jpg)
Cada un dos coautores incide nunha fase da vida e actividade do Padre Mato (así é xeralmente coñecido): a nenez, o Seminario, a guerra… a lingua, a cultura, a primeira parroquia… Radio Popular de Lugo, Fuxan os Ventos, Galicia canta ao Neno… Delegado de Medios, a música, crego de familia… Auxilia, Fillo predilecto de Paradela e Medalla Castelao… Unha vida entregada aos demais que o libro quere poñer de manifesto en homenaxe a este grande da Igrexa, da música e da cultura.
O martes, 17 de xaneiro, houbo unha dobre presentación: en Paradela e en Lugo.
En Paradela, ás 12:00 horas, no salón de sesións do Concello, con asistentes de Paradela e outros chegados de diversos puntos de Galicia, interviñeron, ademais de Xesús Mato (fillo predilecto daquel concello), o Alcalde, José Manuel Mato; Valentín García, Secretario Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia; Ángel Fernández (fillo predilecto de Paradela), participante no libro cun traballo sobre a mocidade do seu veciño homenaxeado; Lola Tourón (cesteira), autora dun traballo sobre Mato na Montaña, e Xulio Xiz (compañeiro na radio), coautor.
Pechou o acto o gaiteiro Xosé Lois Foxo, director da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense, que foi cantor na Escolanía de Lugo cando era dirixida por Mato, interpretando o “Alalá do Courel”.
Ese mesmo día, ás oito do serán, no salón de actos da Biblioteca Provincial de Lugo (Biblioteca Nodal), cun público numeroso e entusiasta de “matólogos” e “matófilos”, interviñeron Xesús Mato, Valentín García, Ángel Fernández e Xulio Xiz, ademais da directora da Biblioteca Provincial, María Isabel Pérez Forneas, e dos participantes no libro Marisol Bravos (compañeira de Mato na impulsión de Auxilia), Marcos Fernández Mosquera (sucesor de Mato na dirección do Orfeón Lucense) e Isidoro Rodríguez, do colectivo María Castaña, participante con Mato en “Galicia canta ao neno”. Foi espléndido colofón a intervención de Xosé Luís Rivas Cruz (Mini), do primeiro Fuxan, actualmente deputado no Parlamento de Galicia que rematou a súa intervención cun emocionante canto “a capella” do “solo” de “Fuxan os ventos”, letra e música de Xesús Mato.
Nas dúas presentacións, todos os asistentes recibiron cadanseu exemplar do libro “XESÚS MATO, 90 ANOS… e 50 do seu Fuxan os Ventos”.
R.