O escritor e xornalista Alberto Ramos gaña a XVI edición do Premio Narrativa Breve Repsol en lingua galega

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, que formou parte do xurado que esta mañá fallou o premio nun acto que tivo lugar na Real Academia Galega, agradeceu unha vez máis “a organización e realización destes premios que impulsan desde fai xa 16 edicións a lingua galega” e felicitou ao galardoado “pola creación desta novela gañadora, chea de diversas tramas que encaixan entre si á perfección”.
O acto do ditame contou tamén coa presenza de representantes das demais entidades impulsoras do premio: a directora da Refinería de Repsol na Coruña, Natalia Barreiro; o académico correspondente da Real Academia Galega, Ramón Nicola; o director xeral da Editorial Galaxia, Francisco Castro, e o presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), Cesáreo Sánchez. Sobre a novela galardoada, o xurado destacou a gran precisión do seu estilo así como a “a presenza dun narrador solidario que apela á conciencia de quen le”.
A dotación económica do premio ascende a 12.000 euros e inclúe a publicación da novela curta por parte da Editorial Galaxia.
O gañador
Alberto Ramos (Santiago de Compostela, 1986) é un xornalista e escritor. No ámbito do xornalismo exerceu na sección de Cultura do Xornal de Galicia e traballa como sinatura independente en medios como Praza, Nós Diario ou Luzes.
No ámbito da literatura, ten publicado as novelas Dor Pantasma (Biblos, 2006), obra premiada co Biblos-Pazos de Galicia; Con acuse de recibo (Biblos, 2010), título galardoado co premio de novela por entregas de La Voz de Galicia; Todos os días (Sotelo Blanco, 2013) obra coa que se fixo merecedor do Premio Vicente Risco de creación Literarias; Máscaras Rotas para Sebastián Nell (Galaxia, 2014), volume distinguido co Premio García Barros, e A simetría deas bestas (Urco. 2018), libro co que recuncou no certame Vicente Risco de Creación Literaria.
R.