Publicada unha nova edición do catálogo 'Shorts from Galicia' para a promoción internacional das curtametraxes galegas
![](http://www.galiciadigital.com/images/noticias/shorts-from-galicia-2022.jpg)
A meirande parte destas obras están a comezar o seu percorrido por festivais, aínda que nalgúns casos contan xa con importantes seleccións como as do FICX Xixón Film Festival de 2021, onde se exhibiu Así vendrá la noche, O niño dos paxaros e Sycorax, peza esta última que puido verse tamén nos certames de Cannes, Toronto, Nova York, Mar del Plata e PortoPostDoc. Pola súa banda, Memoria estreouse no Aguilar Film Festival; Só as árbores coñecen o son das balas, no de Cans, e a fita de Lucía Estévez gañou o premio á mellor curta do Ficinidie de Canarias.
Impulso á distribución das curtas galegas
En Clermont-Ferrand búscase ampliar as súas posibilidades de exhibición, reforzando a difusión de Shorts from Galicia a través dunha completa axenda de reunións cos representantes de festivais internacionais acreditados no encontro galo. Ademais, as curtas galegas terán tamén presenza na retrospectiva que o festival lle dedica a España como país convidado da 44ª edición.
Nesta programación especial Foco España, figuran catro premiadas producións de creadores galegos: Birdboy, de Pedro Rivero e Alberto Vázquez (2010); Anacos, de Xacio Baño (2012); Montaña en sombra, de Lois Patiño (2013), e Matria, de Álvaro Gago (2017). Ao tempo, estanse a desenvolver Market Screenings para o público profesional nos que tamén se inclúe A rabia, de Alberto Díaz.
Xunto co apoio á difusión deste formato, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade impulsa a realización de curtametraxes galegas a través das correspondentes modalidades das subvencións a producións e coproducións audiovisuais de contido cultural galego e á promoción do talento audiovisual, que xestiona cada ano o seu departamento de Industrias Culturais. Así, por exemplo, as devanditas Rompente e A rabia resultaron adxudicatarias dunha axuda á produción nas convocatorias de 2019 e 2020, respectivamente.
R.