O CDG leva aos centros educativos a emisión online da súa última produción, 'O charco de Ulises'

Con esta actividade, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade busca promover a máxima interacción entre a realidade educativa e a das artes escénicas. Neste sentido, cómpre salientar que a Xunta está a desenvolver tamén o programa de visitas en liña para centros educativos Os segredos do Salón Teatro, no que o director do CDG, Fran Núñez, guía os participantes polas instalacións do edificio da súa sede escénica cunha explicación dos diferentes oficios que conflúen para facer posible cada representación.
Para a compañía teatral pública, a iniciativa dálle continuidade ao seu programa de difusión en liña, inaugurado o pasado 24 de xaneiro en colaboración coa Secretaría Xeral da Emigración da Xunta, nunha emisión de O charco de Ulises que acadou 800 conexións desde 18 países en catro continentes.
O clásico homérico e a emigración galega
O charco de Ulises sitúa o clásico de Homero nun contexto transatlántico. A trama do texto, escrito por Cortegoso en 2010 dentro do programa Iberescena e nos talleres de dramaturxia do CDG, discorre en paralelo á Odisea, xerando un diálogo co mito orixinal para tratar o fenómeno da emigración galega cun marcado compoñente poético. Así, a proposta muda Ítaca por Galicia, Troia por Bos Aires e o Mediterráneo polo Atlántico.
Fran Paredes e Inés Salvado encarnan os papeis de Ulises e Penélope, encabezando un elenco que completan Óscar Allo, Miguel Borines, Mónica Camaño, Rosalía Castro, Raquel Espada, Manuel Millán, Chusa Pérez de Vallejo e Paulo Serantes, ademais do músico Xosé Lois Romero. No equipo artístico figuran Pablo Giráldez ‘O Pastor’ no deseño da escenografía, Saturna no de vestiario, Salvador del Río na iluminación, Xosé Lois Romero no espazo sonoro, Ezequiel Merlo na Coreografía Tango, María Costas no traballo de voz, Baia Fernández na caracterización, Carmela Bueno na asistencia de dirección e Xandre Vázquez na de produción.
R.