Galicia presenta en Francia unha versión ampliada do catálogo 'Shorts from Galicia'
![](http://www.galiciadigital.com/images/noticias/shorts-from-galicia-2021.jpg)
Vídeo-pitching
Para favorecer a súa promoción en liña, o catálogo conta este ano cun formato máis amplo e con novos contidos, como o acceso aos video-pitching nos que son os propios directores os que explican as súas creacións. Ofrécese tamén o visionado das curtametraxes, baixo demanda e previa solicitude de contrasinal, para os axentes culturais interesados.
Con motivo desta primeira edición totalmente dixital do encontro francés e do seu mercado profesional, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade estableceu unha axenda de reunións con representantes de destacados festivais internacionais acreditados para presentarlles esta nova entrega de Shorts from Galicia e facilitarlles o seu visionado, co fin de contribuír á selección destas curtas nos eventos que organizan.
Proxección de nove traballos galegos no mercado
Todos eles, así como o resto de profesionais inscritos na plataforma do 36º Marché du Film de Clermont-Ferrand, están tamén convidados ao Market Program dedicado á produción audiovisual galega máis recente e no que se proxectarán outros catro títulos de Shorts from Galicia −La penumbra, A loba, Vestiges (An Archipelago) e o avance de Ningún río me protexe a min−, xunto coa curta de animación Hijos del cuerdo, de Borja Santomé Rodríguez.
Ademais, tanto as tres curtas galegas a concurso como The Monkey, de Xosé Zapata e Lorenzo Degl’Innocenti, están incluídas nos programadas de visionado ofrecidos polo Instituto de la Cinematografía y de las Artes Audiovisuales (ICAA), en colaboración coas delegacións das diferentes comunidades autónomas participantes no mercado de Clermont-Ferrand.
Profesionais e películas de máis de 60 países darante cita estes días na plataforma Shortfilmwire, a través da que o festival organizou un ambicioso programa en liña con proxeccións, presentacións, reunións en liña e masterclass, entre outras actividades.
R.