A Cidade da Cultura achegará a exposición 'As miradas de Isaac' aos estudantes a través de visitas por videoconferencias
![](http://www.galiciadigital.com/images/noticias/as-miradas-de-isaac.jpg)
No caso das visitas didácticas en liña organizadas pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade para As miradas de Isaac continúan activas as reservas por parte dos centros, aos que se lles anima con este tipo de actividades a tirar proveito das posibilidades da tecnoloxía que permiten a docentes e estudantes afondar en contidos culturais de primeira orde e gran potencial didáctico, da man do equipo de guías do Museo Gaiás.
'As miradas de Isaac' na aula
Dirixidas a alumnado do último ciclo de Educación primaria e tamén de ESO e Bacharelato en Educación secundaria, as visitas didácticas en liña a As miradas de Isaac permiten achegarlles a estes estudantes unha figura imprescindible da historia da cultura galega do século XX, impulsor de achegas tan relevantes como Sargadelos, o Laboratorio de Formas, Ediciós do Castro, o Instituto Galego de Información ou o Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside.
Están conducidas polo persoal de guías do Museo Centro Gaiás, cos que alumnado e docentes poden interactuar en directo. Ademais de visualizar múltiples obras expostas na mostra, a visita emprega recursos audiovisuais adicionais que axudan a comprender mellor o contexto socio-histórico onde transcorreu a vida de Díaz Pardo (1920 -2012) e a relevancia para Galicia dos seus proxectos e iniciativas empresariais e culturais e conectar deste xeito esta figura irrepetible e poliédrica (pintor, ceramista, editor, escritor, empresario...) coa actualidade e coa realidade da audiencia. De forma complementaria, a actividade procura tamén pór en valor o uso das TIC nos procesos de aprendizaxe actuais.
Ferramenta didáctica de primeira orde
Con esta iniciativa, a Cidade da Cultura proponse dar continuidade ao seu consolidado programa didáctico, que só en 2019 atendeu a 14.652 alumnos e alumnas de 640 grupos procedentes de centros de toda Galicia, que se achegaron así ás exposicións, arquitectura e espazos naturais do Gaiás. O Servizo de Educación, Mediación e Atención ao Público do Museo esfórzase con esta nova modalidade en manter o contacto e interacción directa cos centros de ensino e o seu alumnado no contexto actual, co convencemento de que as visitas vinculadas á cultura e á arte, e as actividades fóra da aula no seu conxunto, son unha valiosa e amena ferramenta pedagóxica na docencia.
Neste senso, o programa de visitas didácticas en liña é só un dos múltiples recursos que a Consellería de Cultura vén desenvolvendo no último ano na Cidade da Cultura para achegar a súa programación ao público no contexto imposto pola pandemia de limitación de desprazamentos e redución de prazas nas actividades ao vivo. Neste senso, desde o pasado mes de marzo lanzáronse a través da Rede actividades para a cativada como o ciclo de contacontos en liña do Club das lerchiñas; a serie de vídeo-receitas das Cociñeiras ilustradas; ou os retos didácticos da Raposa Fedella. Ademais, neste mesmo mes de xaneiro o xa consolidado festival internacional de curtametraxes infantís Pequefilmes tamén lles ofrecerá ás familias a posibilidade de ver desde casa as curtas por streaming.
Xa no eido do público adulto, o Gaiás emitiu a través de streaming tanto concertos –por exemplo na celebración de eventos sinalados como o Día da Música ou máis recentemente os magostos e os de Nadal no Gaiás– como sesións de debate e análise sobre o sector cultural como as dos Foros #aculturasegue ou o de #culturalike.
R.