Un total de 56 centros educativos incorpóranse ao programa 'Club de Letras' para fomentar as competencias lingüísticas
![](http://www.galiciadigital.com/images/noticias/lectura-educacion.jpg)
O club está formado por alumnado e profesorado e será coordinado por unha das persoas docentes participantes. As actividades que os centros deseñen no marco do Club de Letras desenvolveranse fóra do horario lectivo e o tempo dedicado a esta actividade deberá chegar a, polo menos, unha media de catro horas ao mes desde que se inicia o proxecto ata que finaliza o período lectivo do curso.
Este curso a temática xira en torno ao coidado, abordado desde unha perspectiva de responsabilidade e corresponsabilidade nas tarefas e nos labores necesarios para a atención das persoas que están a padecer unha situación de vulnerabilidade causada pola enfermidade, pola pobreza, pola soidade, pola dor, pola violencia de xénero, pola LGTBIfobia ou outras circunstancias. Esta vulnerabilidade mesmo puido producirse e/ou agravarse durante o período de confinamento vivido a raíz da pandemia da covid-19 e podería abordarse a temática do coidado neste contexto.
Os proxectos realizados sobre este tema poderán abordarse desde un punto de vista literario, artístico, filosófico ou histórico; e poderán centrar o seu foco de interese na actualidade, en anteriores etapas da historia ou conxugando ambos os dous enfoques.
O Club de Letras defínese como un espazo de aprendizaxe non formal baseado nunha metodoloxía de indagación. Neste marco o profesorado suxire diferentes accións enfocadas ao alumnado co obxecto de que poidan afondar, descubrir e coñecer novos eidos relacionados coas Humanidades, as Artes e as Ciencias Sociais. Fundaméntanse, polo tanto, nunha metodoloxía baseada no descubrimento, a indagación, o debate, a lectura reflexiva, a análise crítica, a creación e a aprendizaxe colaborativa.
No caso da educación primaria, a iniciativa achegarase a estes eidos do coñecemento fundamentalmente a través da escritura creativa, a exploración e creación artística, a lectura reflexiva e fomentando, de ser posible, unha achega lúdica e dinámica. Na educación secundaria e bacharelato procurarase unha visión transversal e interrelacionada das manifestacións literarias e artísticas, abordando perspectivas filosóficas e/ou históricas, así como a potenciación da capacidade creativa e de lectura reflexiva, coa finalidade de fomentar competencias de comprensión e de pensamento crítico do mundo actual.
R.