Santiago de Compostela acollerá en marzo o I Congreso Internacional do Teatro Galego
![](http://www.galiciadigital.com/images/noticias/congreso-teatro-galego-2020.jpg)
O director xeral de Políticas Culturais da Xunta, Anxo M. Lorenzo, participou esta mañá na presentación do evento no Consello da Cultura Galega (CCG) xunto á presidenta do CCG, Rosario Álvarez; a presidenta da Academia Galega de Teatro, Inma Antonio, e o presidente do Consello Territorial da SGAE, Juan Rivas.
Neste acto adiantáronse as liñas programáticas do I Congreso Internacional do Teatro Galego que, baixo o lema Co 2030 no horizonte, xirará arredor de tres grandes eixos temáticos: Experiencia, actualidade e modelos externos, O teatro e os públicos e A creación e os seus procesos. O obxectivo, segundo os seus organizadores, é a posta en común da situación actual do teatro galego en relación coa doutros modelos internacionais de creación, produción, xestión e distribución, para chegar a unha serie de conclusións encamiñadas á transformación social e a partir das que poder servir de guía para profesionais, xestores e público.
A vicedirectora da Escola Superior de Arte Dramática (ESAD) de Galicia, Cristina Domínguez Dapena, a antropóloga mexicana Lucina Jiménez López e a directora de escena Carmen Portaceli serán as relatoras das tres conferencias centrais do congreso, que tamén acollerá 12 mesas de traballo, unha vintena de comunicacións, tres sesións para o resumo plenario diario, presentacións e varias actividades paralelas, incluída a asistencia á gala de entrega dos XVIV Premios de Teatro María Casares.
R.