O Ministerio de Cultura recibe a documentación da Candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade
![](http://www.galiciadigital.com/images/noticias/ribeira-sacra-3.jpg)
Román Rodríguez subliñou que “cumprimos os nosos deberes” coa declaración do Ben de Interese Cultural (BIC), co Plan de Xestión e co dossier entregado hoxe “e seguiremos sendo alumnos aplicados para estar na mellor das disposicións e lograr que 2021 sexa o ano de Galicia, polo Camiño de Santiago e o Xacobeo, pero tamén o ano da Ribeira Sacra e o seu excepcional legado”. En calquera caso, apelou á prudencia e explicou a complexidade dunha tramitación que vai do local ao global no seu percorrido cara á inclusión na Lista do Patrimonio Mundial da UNESCO.
O conselleiro puxo en valor o traballo cooperativo no ámbito da Candidatura, ao afirmar que “desde a Xunta de Galicia, en coordinación coas diferentes administracións e da man da comunidade local, representada aquí, levamos anos traballando para lograr este fito”; e agradeceu o traballo conxunto e a xenerosidade de todas as partes para “pór en valor un territorio vivo e cun patrimonio extraordinario do que todos os galegos debemos estar orgullosos.” O titular de Turismo concluíu destacando que a Ribeira Sacra é cada vez máis coñecida e valorada dentro e fóra de Galicia, destacando que esta zona incrementouse en 14 puntos porcentuais a demanda estranxeira “o que pon de manifesto a relevancia internacional que está logrando a candidatura da Ribeira Sacra”.
No acto tomaron parte, ademais do conselleiro, Luis Fernández Guitián, presidente do Consorcio Ribeira Sacra; José Manuel Rodríguez, presidente do Consello Regulador da Denominación Ribeira Sacra; e Mª Carmen Martínez Ínsua, directora xeral de Patrimonio Cultural. Estiveron presentes o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, os delegados da Xunta en Ourense e Lugo, así como diversos alcaldes de concellos involucrados.
1.500 anos para a Humanidade
A Ribeira Sacra é unha Paisaxe Cultural delimitada que conta coa máxima protección cultural, natural e paisaxística. Constitúe unha testemuña excepcional da cristianización da Península Ibérica e a paisaxe simbólica máis occidental da Europa continental, grazas a uns conxuntos de orixe relixiosa sobreabundantes e de extraordinaria singularidade nesta terra. Un patrimonio construído que ilustra 1.500 anos de historia nos que na Ribeira Sacra medrou “un bosque de igrexas”, ilustrativo da riqueza e variedade da arquitectura románica dos séculos XII e XIII.
Galicia é unha terra cun vasto patrimonio cultural material recoñecido pola UNESCO e incluído na Lista do Patrimonio Mundial: a Cidade vella de Santiago de Compostela (1985), os Camiños de Santiago de Compostela: Camiño Francés e Camiños do Norte de España (1993 e 2015), a Muralla de Lugo (2000) e a Torre de Hércules (2009). Neste momento, a Comunidade avanza no impulso de tres novas candidaturas como son a Ribeira Sacra, as Illas Cíes-Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia e a Cidade de Ferrol: Porto da Ilustración.
R.