Pasar al contenido principal
Cultura Galega | Cultura Gallega logo

Enlaces primarios

  • Inicio
  • Galerías de Autores
    • Arquitectura
    • Artesanía
    • Deseño Gráfico
    • Deseño Moda
    • Escultura
    • Esmalte
    • Fotografía
    • Gravado
    • Ilustración
    • Multimedia
    • Pintura
  • Publicacións
  • Concursos
    • Bases
    • Premios
  • Alta de Autor
  • Alta Directorio
  • Contacto

Presentada 'O rueiro das liortas', a nova proposta teatral de 'Nós contra a violencia'

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presentaron hoxe en rolda de prensa O rueiro das liortas, a nova proposta da campaña Nós contra a violencia da Xunta de Galicia que ten como obxectivos promover o uso do galego e sensibilizar contra a violencia de xénero, os micromachismos e a desigualdade no marco do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero e co apoio do Ministerio da Presidencia, Relacións coas Cortes e Igualdade.

“Bota a andar en dez concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) esta proposta teatral coa que buscamos, desde os espazos e tempo de lecer das familias, incidir e sensibilizar en contra da violencia de xénero e de calquera tipo de comportamento sexista e a favor, coma sempre, da promoción social da nosa lingua”, sinalou o secretario xeral na súa intervención. “Uns obxectivos de grande importancia para a nosa infancia e mocidade que lle confiamos á Compañía do Elefante Elegante, coa seguridade dun traballo profesional, rigoroso e comprometido co idioma propio de Galicia”, concluíu.

Pola súa banda, a secretaria xeral da Igualdade destacou que esta iniciativa permitirá a difusión de valores como o respecto e a promoción da igualdade entre mulleres e homes, a través tanto das artes escénicas como da creación de material didáctico e formativo en lingua galega.

López Abella indicou en que proxectos como Nós contra a violencia amosan o compromiso transversal da Xunta na loita contra a violencia de xénero e incidiu en que a erradicación desta lacra require o compromiso e a colaboración das institucións e do conxunto da sociedade. Nesta liña, sinalou que mediante a dinamización e a promoción da lingua galega tamén se levarán a cabo accións específicas para a infancia, a mocidade e as familias sobre a prevención e a sensibilización sobre a violencia de xénero con mensaxes positivas e unitarias que impliquen a toda a sociedade.

Xira por dez concellos

O rueiro das liortas arranca esta fin de semana unha xira por dez localidades da RDL na que acollerán as primeiras funcións Mondoñedo, o sábado 16, ás 20,00 horas, na Casa da xuventude, e Baiona, o domingo 17, ás 19,00 horas, no Auditorio Municipal. Ata decembro, as seguintes citas serán en Caldas de Reis, Oleiros, Marín, Narón, O Barco de Valdeorras, Guitiriz e Salvaterra de Miño.

Este espectáculo da Compañía do Elefante Elegante baséase na comedia da arte italiana e no teatro popular para promover, desde a óptica escénica, a reflexión sobre a situación desigual da muller na sociedade, ao tempo que se afonda nas relacións de parella e nas dificultades para manter vivo o amor. Dirixida a todos os públicos desde os oito anos de idade, esta comedia iniciática, vista desde unha óptica feminina, combina o dinamismo dos elementos escenográficos que representan diferentes espazos, un actor e unha actriz que interpretan múltiples personaxes e unha nena que fai valer a súa verdade. Ofrece, a maiores, un espazo de reflexión conxunta das persoas asistentes á función a partir dunha conversa posterior cos actores.

Como en todas as actividades para a RDL, a entrada é libre e de balde ata completar a capacidade dos espazos programados. Toda a información e calendario completo poden consultarse no Portal da Lingua Galega e na Axenda de Cultura de Galicia.

Artes escénicas e materiais de sensibilización

Ademais da proposta O rueiro das liortas, o programa Nós contra a violencia ofrece, desde a súa posta en marcha no mes de xullo, numerosas propostas escénicas e materiais para traballar en dinamización lingüística e sensibilizar contra a violencia de xénero. Entre elas, os espectáculos Mai Mai, de Baobab Teatro, que finalizou a comezos deste mes unha moi exitosa xira por oito concellos da RDL; Cinco minutos sen respirar, que leva Ítaca Teatro a outros dez ata final de mes, ou O país dos mandóns e Irina Bailarina, que leva Teatro dos Ghazafellos a outras 17 localidades.

Dentro das propostas musicais, a campaña ofreceu o espectáculo A Roda da igualdade: ela e eles, así como obradoiros para pais e nais no marco do proxecto Igual-Son, con música, danza e contacontos, guías educativas sobre prevención da violencia de xénero na mocidade e outros materiais educativos centrados nos riscos e potencialidades das redes sociais e un manual práctico de ferramentas educativas para prever a violencia contra as mulleres, entroutras iniciativas que se irán dando a coñecer nas vindeiras semanas.
R.

Directorio

  • Ensinanza (19)
  • Editoriales (97)
  • Museos (122)
  • Salas Exposición (127)
  • Artesanía (554)
    • cerámicas (108)
    • coiro (46)
    • gráficas (12)
    • metal (82)
    • pedra (40)
    • vidro (30)
    • instrumentos (22)
    • textil (68)
    • xoiería (39)
    • madeira (67)
    • varios (41)
  • Teatro (239)
    • maxia (22)
    • aficionados (126)
    • compañías profesionais (93)
  • Música (1179)
    • son e iluminación (22)
    • varios (168)
    • solistas, duos y trios (30)
    • orquestras y grupos (43)
    • música clásica (283)
    • grupos folk-rock-pop (154)
    • rondallas (39)
    • corais e orfeóns (296)
    • bandas de música (149)
  • Cultura Tradicional (319)
    • agrupacións de canto tradicional (56)
    • grupos de música popular (262)
  • Bibliotecas (813)
    • bibliotecas públicas (456)
    • bibliotecas especializadas (357)
  • Danza (308)
    • outras danzas (38)
    • danza tradicional galega (270)

Aviso Legal | Política de Privacidad | Política de cookies

Aldeas Gallegas

Usamos cookies propias y de terceros para mostrar publicidad personalizada según su navegación.
Si continua navegando consideramos que acepta el uso de cookies. OK Más información