La Editorial Galaxia anuncia la publicación de dos libros inéditos de Neira Vilas en 2018 y 2019

A Editorial Galaxia publicará durante este ano e o vindeiro, dous libros inéditos de Xosé Neira Vilas. Ambos os textos aparecerán dentro da Biblioteca de Autor que a Editorial Galaxia dedicou, xa en vída, a reunir a obra do escritor inmortal de Memorias dun neno labrego.
Neste ano 2018, durante o mes de abril, publicarase De Gres a Cádiz, un libro composto por un “ramallete de lembranzas, de prosas condensadas que comecei a escribir, de vagariño, en xaneiro de 1996”, tal como afirma o autor no limiar que deixou preparado para esta edición. Xosé Neira Vilas recoñece tamén abordar neste novo libro unha parte da súa vida con nostalxia e coa idea de “revelar, ao meu xeito, a Galicia aldeá de varias décadas atrás”. E, como é característico de toda a súa produción, literaria ou memorialística, bota man da narración en primeira persoa para dar conta do mundo que viu dende os seus ollos atentos. Deste xeito en De Gres a Cádiz enmárcanse as vivencias do autor no período comprendido entre a súa estancia no Gres que o víu nacer, e a chegada a Cádiz, cidade onde se embarcou aos 20 anos cara a América disposto a vivir “unha nova etapa vital”. En definitiva, unha crónica da primeira parte da súa vida que nos vai permitir completar, con precisión, ese chanzo da súa biografía.
A edición deste novo volume correrá a cargo de Dolores Vilavedra, profesora da Universidade de Santiago e experta na obra de Neira Vilas, quen seguiu de preto a xestación deste proxecto canda ao seu autor.
Xa en 2019 verá a luz outro libro inédito de Xosé Neira Vilas, de corte máis intimista. Ambos libros foron atopados durante o labor de catalogación da obra do escritor na Fundación Neira Vilas.
Fotografía: Editorial Galaxia
R.