La compañía Excéntricas produce la primera obra teatral de Valle-Inclán traducida al gallego: A cabeza do dragón

"A Cabeza do Dragón", de Ramón del Valle Inclán, producido por Excéntricas e "Soño dunha noite de verán", baseado en Shakespeare, da compañía Voadora, son as dúas producións que a área da Deputación difunde en distintos concellos da Coruña, despois de que foran seleccionadas como residentes no Teatro Colón. "A Cabeza do Dragón" estará en Bertamiráns, a Pobra do Caramiñal e Cariño e "Soño dunha noite de verán" en Rianxo, Noia e Oleiros.
"Queremos poñer os medios públicos necesarios para que o teatro teña condicións dignas e chegue á xente e, por iso, fixemos que Excéntricas e Voadora tiveran o Teatro Colón a súa disposición como compañías residentes e, agora, impulsamos a súa difusión cunha xira", explicou Goretti Sanmartín na presentación en Santiago da xira na que estivo acompañada por Quico Cadaval, de Excéntricas, e Hugo Torres, de Voadora.
A responsábel da Área de Cultura, Goretti Sanmartín, destacou o "altísimo nivel" das dúas compañías que gozaron dunha residencia no Teatro Colón e que agora comezan a xira promovida desde a Deputación da Coruña. "Son compañías cun público feito, o que é moi difícil de conseguir, con liñas propias e propostas moi acaídas para os nosos tempos que merecen ampliar aínda máis os seus auditorios", engadiu Goretti Sanmartín que defendeu a necesidade de que os espazos públicos se poñan ao dispor das compañías para o seu uso. "O noso teatro precisa traballar en condicións de dignidade e, por iso, é preciso que as salas se abran non só para as representacións senón tamén para acoller os ensaios e as preparacións dos espectáculos", dixo, en referencia ao programa de residencias do Teatro Colón. Destacou Goretti Sanmartín a calidade de dúas obras "que combinan o carácter clásico cunha visión contemporánea, innovadora".
Na presentación desta liña de apoio ás dúas compañías, o director de "A Cabeza do Dragón", Quico Cadaval, destacou o "compromiso da Deputación relacionando residencias artísticas con xiras en lugares aos que non é fácil acceder e iso fainos pensar nun tempo novo despois de levar anos en que eramos os artistas os que nos subvencionabamos a nós mesmos", dixo. Falou da obra como "o fin dunha anomalía que imposibilitaba por unha decisión privada a representación de Valle en galego" e definiu a "singular" obra como a camiño entre o modernismo e o esperpento que inclúe entre os temas " a recreación da cultura popular, a ridiculización da monarquía, a crítica ao machismo e ao patriarcalismo".
Pola súa parte, Hugo Torres, cofundador de Voadora, destacou o importante que para a compañía foi ter a dispoñibilidade de estar un mes no Teatro Colón xa que, ao seu ver, "as residencias artísticas potencian a calidade das obras e dan liberdade para sublimar un traballo que, coa xira pode chegar a sitios onde non estaba previsto cunha xira en que o espectáculo pode medrar máis aínda".
En "Soño dunha Noite de Verán", a compañía quixo, segundo Torres, achegarse á "liberdade do individuo de elixir, tamén no que se refire ao xénero. Definimos que no mundo hai máis que branco e negro, que home e muller, que hai máis xente e máis xéneros que non se coñecen nos cánones habituais", explicou.
Ademais da xira por teatros dos distintos concellos, a iniciativa contempla tamén actuacións para o público escolar que, no caso de Excéntricas, incluirá un espectáculo didáctico arredor dos lugares e a presenza da cultura galega na obra de Valle Inclán nos centros de ensino que conta, no caso da Pobra, coa colaboración do museo dedicado ao escritor.
Tanto o representante de Voadora como de Excéntricas, destacaron a calidade do elenco artístico composto nun caso por nove e noutro por oito actores e actrices, algo non moi frecuente na escena galega.
"A Cabeza do Dragón" de Ramón del Valle Inclán de Producións Excéntricas será así a primeira obra do autor levada ao teatro en galego, despois de que pasara a dominio público, no 80 aniversario da morte do autor. Dirixida por Quico Cadaval, a obra conta cun elenco artístico composto polo propio Quico Cadaval, María Costas, Iván Marcos, Yelena Molina, Víctor Mosqueira, Marcos Orsi, Josito Porto e Patricia Vázquez. A produción conta coa colaboración de Baltasar Patiño para o espazo escénico e a iluminación e Suso Montero na indumentaria e o deseño gráfico. A música está composta por Javier María López e será dirixida polo mestre Diego García á fronte do Taller Atlántico Contemporáneo. Iván Marcos encargarase da coreografía.
"A función liberadora do riso, a corrupción política, a violencia machista, a anacrónica institución da monarquía, o medo á liberdade ou a banalización do amor romántico son temas da obra que continúan da actualidade. Valle-Inclán, coas oportunas manipulacións, leva a fábula ao grotesco contemporáneo que el creou: o esperpento", valoran desde Excéntricas da súa nova produción para a que é residente no Teatro Colón.
A compañía Voadora gozou tamén dunha residencia no Teatro Colón da Coruña, combinada co Pazo de Cultura de Narón, para preparar o espectáculo "Soño dunha Noite de Verán" que agora a área de Cultura da Deputación da Coruña apoia promovendo a súa difusión en Rianxo, Noia e Oleiros. Trátase da primeira residencia compartida por dous teatros públicos no ámbito das artes escénicas galegas.
"Soño dunha noite de verán", é un espectáculo creado a partir da obra de William Shakespeare, con adaptación de Marco Layera e dirección de Marta Pazos. A interpretación da obra corre a cargo de Diego Anido, Areta Bolado, José Díaz, Borja Fernández, París Lakryma, Janet Novás, Andrea Quintana, Anaël Snoel e Hugo Torres. Marta Pazos ocúpase tamén da escenografía, José Díaz e Hugo Torres da Iluminación e Rui Monteiro da iluminación. O espectáculo está coproducido por Iberescena, Festival de Almada, MIT Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, Marco Layera e Malverde Produçoes de Brasil.
Voadora volve a Shakespeare, tras "Joane" (2012), "A Tempestade" (2014) e "Don Juan" (2015), nun espectáculo que propón un diálogo entre o clásico e o contemporáneo que xurde do traballo conxunto dun equipo de e creadores para o teatro, a danza, o cine e as artes visuais. A directora da compañía, Marta Pazos, traballa canda o chileno Marcos Layera da compañía La Re-sentida na cabeza da produción do espectáculo.
Xira promovida pola área de Cultura da Deputación da Coruña
"A Cabeza do Dragón" de Producións Excéntricas
5 de maio- Bertamiráns-Casa da Cultura- 21:00 horas
7 de maio- A Pobra do Caramiñal-Casa da Cultura- 20:00 horas
14 de maio- Cariño- Auditorio Municipal- 19:00 horas
"Soño dunha noite de verán" de Voadora
19 de febreiro- Rianxo- Teatro Principal- 19:00 horas
20 de febreiro-Rianxo- Teatro Principal (matinal)- 11:00 horas
21 de febreiro-Rianxo- Teatro Principal (matinal)- 11:00 horas
5 de marzo- Noia- Coliseo Noela- 20:00 horas
6 de marzo- Noia-Coliseo Noela (matinal)- 11:00 horas
7 de marzo- Noia-Coliseo Noela (matinal)- 11:00 horas
19 de marzo-Auditorio Gabriel G. Márquez-Oleiros- 20:30 horas
R.