Cultura anuncia una inversión de 1.7 millones en el sector editorial y el PSdeG denuncia que se "aniquilan" las ayudas a la edición en gallego

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria investirá en 2017 máis de 1,7 millóns de euros no impulso do sector editorial galego, a través de diversas convocatorias de subvencións e de actuacións de dinamización do comercio do libro, de colaboración cos principais axentes profesionais do sector, de impulso á creación literaria e de mellora dos servizos bibliotecarios galegos.
Así o explicou na Comisión 4º do Parlamento de Galicia o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, quen afirmou que, “a través das liñas de acción planificadas para este ano 2017 e, no horizonte dos próximos catro anos, coa elaboración da Estratexia da Cultura Galega, o Goberno galego centrará os seus esforzos en consolidar a industria editorial de Galicia, en impulsar a difusión do libro galego e en dinamizar o hábito lector entre a cidadanía”.
Anxo Lorenzo enmarcou as liñas de actuación que a Consellería está a desenvolver no ámbito do libro e da lectura no cumprimento do marco legal vixente, nomeadamente a Lei 17/2006 do libro e da lectura de Galicia. Así mesmo, sinalou que con elas se trata de facer fronte ás dificultades dun sector que ten numerosos retos por diante e que debe aproveitar fortalezas como a calidade da produción editorial galega e o destacado lugar que vén ocupando a literatura infantil e xuvenil no conxunto da produción.
Para incrementar os índices de lectura afirmou que, no marco da Estratexia da Cultura Galega 2021 –que recollerá as principais liñas de actuación e as prioridades nas políticas culturais e no investimento público nesta materia no horizonte dos próximos 4 anos–, o Goberno galego impulsará un plan específico da lectura, que se dirixa a potenciar as estratexias de capacitación e competencia lectora da sociedade galega, nomeadamente a partir do labor desenvolvido desde a Rede de Bibliotecas Públicas e desde a Rede de Bibliotecas Escolares.
No referido ás axudas impulsadas polo seu departamento, concretamente ás liñas de subvencións á adquisición de novidades editoriais en galego, á tradución de obras e á mellora das coleccións da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, lembrou que o investimento das convocatorias publicadas neste ano ascende a 750.000 euros, o que supón un incremento de orzamento do 13,6% respecto das anteriores.
De cara a impulsar a dinamización comercial do sector, ademais das Feiras do Libro de Galicia, recordou a presenza do libro galego nas principais citas internacionais do sector. Concretamente este ano, en colaboración coa Asociación Galega de Editores, o libro galego estará presente con espazo propio na Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña, e nas feiras de Frankfurt, de Guadalaxara e de Bos Aires.
Durante a súa intervención, Anxo Lorenzo destacou tamén o papel fundamental das bibliotecas en prol do acceso gratuíto e en igualdade ao libro e á lectura. Para mellorar os servizos bibliotecarios, o seu departamento, ademais das liñas de axudas para a mellora e a renovación das coleccións, está a centrar os seus esforzos en garantir unha programación completa e de calidade de actividades de dinamización da lectura en todo o territorio, xunto coa aposta pola oferta de libros electrónicos, a través da plataforma GaliciaLe, e a mellora das instalacións e do equipamento.
Así mesmo, lembrou as melloras iniciadas en 2016 coa integración de todos os centros bibliotecarios da rede pública galega nun sistema de xestión único, o Sistema Integrado de Xestión Bibliotecaria, o que permitiu a creación dun catálogo colectivo e dun carné único, que funciona como ferramenta de entrada a todas as bibliotecas da rede.
Nota de prensa del Gabinete de Comunicación del PSdeG:
A portavoz de Cultura do Grupo Socialista, Concepción Burgo, criticou a “práctica aniquilación” das políticas da Xunta en apoio á edición en galego, provocando unha caída vertixinosa de editoriais e títulos publicados. Así o dixo no debate dunha pregunta oral na Comisión de Cultura, na que alertou do descenso dun 75 por cento nos orzamentos destinados a libros e bibliotecas públicas dende 2010.
A responsable socialista Criticou o desleixo do goberno galego, que “continúa dende 2009 coas mesmas políticas”, e lamentou que o seu único xeito de impulsar ao mundo editorial fora recortarlles os recursos ata o límite. Así, os libros publicados en galego descenderoin un 43,8 por cento entre 2008 e 2015, cunha perda de 1.000 títulos, mentres os publicados en euskera ou catalán aumentaban.
Burgo sinalou neste sentido que o orzamento destinado á adquisición de lotes fundacionais e fondos bibliográficos pasara de 1,96 millóns de euros en 2010 a 425.000 euros en 2017. Explicou que malia o aumento de 400.000 euros nos orzamentos para este ano, a suma do resto das partidas relativas ao mundo editorial dan un balance dun incremento neto de 64.680 euros, “e así é imposible”.
A deputada socialista acusou ao goberno galego truncou o que fora un crecemento sostido que levou de publicar 187 títulos en 1980 a 2.544 en 2010 a un preocupante descenso “que continúa agora mesmo”. Esta situación foi sinalada polo Consello da Cultura de Galicia, a través do Observatorio da Cultura Galega, que alertou do descenso de publicacións nunha tendencia inversa ao mundo editorial no conxunto do Estado.
Concepción Burgo sinalou a importancia do sector editorial para as industrias culturais “e polo tanto da economía galega”, xa que supón o 2 por cento do PIB, tanto como o sector pesqueiro. Lembrou que o sector editorial foi considerado como estratéxico na Lei do Libro e da Lectura de 2006.
Fotografía: Gabinete de Comunicación del PSdeG
R.