Margarita Ledo recibe en Láncara el premio Ramón Piñeiro "Facer País" por su trayectoria
A académica Margarita Ledo Andión é a gañadora do XV Premio Ramón Piñeiro "Facer País", galardón da Asociación Cultural Val de Láncara que recoñece cada ano o labor dunha persoa ou entidade a favor do desenvolvemento de Galicia. O xurado destacou o traballo que Ledo realizou desde moi nova a prol da lingua e da cultura galegas.
A catedrática de Comunicación Audiovisual da Universidade de Santiago de Compostela e cineasta natural de Castro de Rei (Lugo) é membro da executiva da Real Academia Galega, na que ocupa o posto de arquiveira-bibliotecaria. Margarita Ledo Andión recolleu este novo recoñecemento á súa traxectoria nun acto que se celebrou o sábado 12 de novembro no concello lugués de Láncara, nun acto presentado polo xornalista Xulio Xiz e no que Olalla Rodil, deputada do BNG, encargouse de facer a semblanza.
A decisión do xurado do premio foi dada a coñecer en Santiago de Compostela nun acto no que participaron Darío Piñeiro, alcalde de Láncara; Xurxo Rodríguez Lozano, profesor do CPI Ramón Piñeiro da mesma localidade; Carlos López Sierra, secretario da Asociación Cultural Val de Láncara e Manuel Fernández Arrojo, vicepresidente da mesma.
O galardón tamén recoñece o compromiso da académica coa emigración, a defensa dos valores da liberdade e a democracia, e a "dignificación" das mulleres.
Na pasada edición, o premiado co Ramón Piñeiro "Facer País" foi o académico de honra Basilio Losada.
R.