Os artesáns falan dos instrumentos tradicionais nunha xornada do Consello da Cultura Galega (CCG)

O rexurdir da música popular dos anos setenta coincidiu cun cambio de ciclo que tamén lle afectou á fabricación dos propios instrumentos musicais. “Á morte de Basilio Carril, de Paulino Pérez ou mesmo de García de Riobó, todos eles artesáns moi coñecidos, parecía que o oficio estaba condenado a desaparecer pero aconteceu todo o contrario, xurdiron as primeiras escolas das que emerxeu xente moi nova que está a facer un bo traballo” explica Ferreirós. Esta xornada pretende poñer o foco nestes novos artesáns, como souberon conectar coa tradición para facer uns instrumentos de calidade que abastecen tanto ao mercado galego como internacional. Para o coordinador deste encontro “non é raro atopar, por exemplo, unha gaita galega en Xapón ou en América Latina”.
“Son xente nova, formada, que está a facer o seu traballo sen que supoña unha creba co pasado” explica Ferreirós. Da gaita falará Álvaro Seivane, membro da coñecida saga familiar de artesáns mentres que Oli Xiráldez, que tamén é artesán de gaitas, centrarase nas frautras traveseiras na tradición musical galega. A zanfona estará presente por partida dobre: Xaneco Tubío achegarase a ese instrumento desde o punto de vista da tradición musical galega e César Loureiro desde “a busca do son nun modelo de zanfona contemporánea”, como se titula o seu relatorio.
Consello da Cultura Galega