O Consello da Cultura Galega promove o 5 de marzo a xornada Xogar coa Cultura
O xogo é tan antigo coma o ser humano. Así, gozamos de distintos xogos que, coa eclosión do mundo dixital, se trasladaron á contorna online e se expandiron a soportes diferentes (especialmente grazas ao despregamento dos dispositivos móbiles), en modalidades múltiples e en diversos sectores. Con todo, quizais o seu recoñecemento público non chega até a consideración da industria dos videoxogos como industria cultural (feito que, en España, non se produce até 2009). Esta tendencia cara á ludificación (ou gamificación) é detectable en moitos outros ámbitos. A ciencia, a educación, o cinema, as novas narrativas, a comunicación corporativa e, en xeral, as distintas industrias culturais aproveitan as dinámicas propias do xogo para tentar atraer a atención e fidelizar un usuario máis participativo. O xogo como ferramenta comunicativa e de coñecemento será o eixe central desta xornada do Consello da Cultura Galega que une industria, tradición popular, ciencia, emprendemento e públicos.
A xornada, coordinada por Carmen Costa, contará coa presenza de Manuel Garin, Eva Balsa, Irene Lapuente, Paco Veiga, Luisa Rodríguez, Diego Rivera, Sergio Prieto, Silvia López, Xosé Manuel Rey Piñeiro e Ignacio Lago, representantes do ámbito educativo, divulgativo, comunicativo, científico e empresarial.
Máis información: http://consellodacultura.gal/evento.php?id=200269
Consello da Cultura Galega (CCG)


