Chega a Madrid o libro El Quijote de madera, primeira novela de Neira Pampín

No acto, presidido polo delegado da Xunta en Madrid e director da Casa José Ramón Ónega, interviñeron o xornalista e editor Xulio Xiz, e o autor Francisco Javier Neira Pampín.
Para Ónega, que evocou o Santiago daquel tempo no que estudou Dereito, citando a Argensola recordou “así como os homes gañaron más batallas cos libros que coas armas, este libro gaña a batalla do relato ben construido e a guerra do argumento ben narrado”.
O editor, Xulio Xiz, tras os agradecementos, presentou o autor e a súa primeira obra narrativa, destacando que se trata dun profesional de prestixio na uroloxía que, na máis clara tradición do “violín de Ingres”, pinta, interpreta e compón música, escribe poesía e agora tamén narrativa. Situou ao Dr. Neira Pampín entre os destacados médicos-escritores das terras lucenses, como Fausto Galdo, Fernando Pardo Gómez, Luis Pimentel ou Rof Carballo, sinalando que esta “ópera prima” na narrativa máis que una novela negra é “unha novela de misterio, costumbrista, social, cunha forza semellante a un Dickens no tratamento dos personaxes populares”. Tamén cualificou de “compostelano” o idioma da novela, onde os personaxes populares se expresan en galego, os máis elevados en castelán, pero no que todos poden irse fóra do seu marco lingüístico pola forza das circunstancias, compoñendo un panorama lingüístico propio do lugar e do tempo, que o autor reflicte con mestría e inxenio. “Se na obra de Neira Pampín, un quixote de madeira é testemuña e fío conductor”, suxire o presentador que “quizais tamén este libro simbolice ese quixote de madeira labrado espiritualmente polo autor na nenez e primeira mocidade, tallado e lixado no mundo universitario da medicina, e aparecido agora, en Lugo, tantos anos despois, para evidenciar que o primeiro que se aprende é o que máis perdura, que os lugares iniciais marcan á persoa para toda a súa vida, acreditando ao autor como un excelente escritor por ser bó observador, profundo pensador e magnífico contador”.
Pola súa banda, o autor, Francisco Javier Neira Pampín comezou explicando o proceso creativo desta súa primeira novela, que xurdiu duns apuntes de lembranzas de cando neno. Axiña “os personaxes foron desenvolvéndose para conformar unha historia, esixindo o seu lugar, provocando situacións, protagonizando o drama”. Así, o que “en principio estaba sendo un relato de xentes e feitos nun determinado lugar do Santiago rural do barrio do Sar, pasou a ser unha profunda incursión nun mundo popular, unha ollada fonda a un tempo e unhas xentes”, no que os protagonistas fanse donos da historia e tiran do autor que non pode facer máis –nin menos– que decir e facer o que eles dirían e farían, co que o resultado non é que sexa veraz senón que –estima o autor- non podería ser outro; “non me permitirían que fose outro”, dixo.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia