Homenaxe a Valle-Inclán en Vilanova de Arousa no 148º aniversario do seu nacemento
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, representada polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, participou nos actos en recordo de Ramón María del Valle-Inclán que tiveron lugar na vila natal do escritor, coincidindo co 148º aniversario do seu nacemento.A xornada de homenaxe estivo centrada nunha ofrenda na praza do Castro, diante da escultura do escritor, acto que se pechou coa actuación do grupo O Con Grande. A formación interpretou a peza ‘O son de muiñeira’, musicada por Rogelio Villar e á que Valle-Inclán lle puxo letra en 1917. Anxo Lorenzo puxo en valor as iniciativas que ao longo do mes de outubro, e coa colaboración da Xunta de Galicia e da Deputación Provincial de Pontevedra, se veñen desenvolvendo en Vilanova de Arousa para recordar a figura do escritor e difundir a súa vida e obra, no marco das Xornadas de Homenaxe a Valle-Inclán.
Entre elas inclúese a mostra “i” de Inclán, que foi inaugurada previamente á ofrenda floral. Nesta mostra, que se pode visitar ata o 28 de novembro na Casa Museo Valle-Inclán, os xornalistas Laura Sanisidro e Rubén Luengo exploran a faceta do escritor a través do xénero da entrevista.
Recreación da travesía
Os actos de homenaxe a Valle-Inclán rematarán o vindeiro venres 31 de outubro, cunha xornada na que se recreará a viaxe en barco desde A Pobra do Caramiñal ata Vilanova de Arousa que narra o escritor en ‘Romance de lobos’ e que está previsto que se desenvolva entre as 17 e as 18 horas.
A programación destas xornadas de homenaxe, que deron comezo o pasado 1 de outubro, realízanse ao abeiro do protocolo de colaboración asinado en 2013 pola Consellería de Cultura e Educación e os concellos da Pobra do Caramiñal e de Vilanova de Arousa, co fin de cooperar na divulgación da obra de Valle-Inclán e de poñer en valor a súa figura.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia


