A mostra sobre Manuel Rodríguez López, na Biblioteca González Garcés de A Coruña
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través das secretarías xerais de Política Lingüística e de Cultura, apoia a posta en valor da figura e da obra do intelectual lugués Manuel Rodríguez López a través da súa colaboración cunha exposición itinerante que afonda na figura e na obra do escritor de Paradela. ‘Manuel Rodríguez López, emigrante galego, poeta obreiro’ é o título deste proxecto expositivo que se pode visitar ata o 7 de outubro na Biblioteca Miguel González Garcés da Coruña. .O acto de apertura da mostra, que tivo lugar esta mañá, contou coa participación do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, quen salientou o talento de Manuel Rodríguez ao servizo da difusión da cultura e da identidade galegas. O responsable de Cultura cualificou o proxecto expositivo como “unha merecida homenaxe” ao intelectual lucense e ao seu legado.
Mostra itinerante
Na inauguración tamén participaron, entre outros, o fillo do homenaxeado, Santiago Rodríguez; o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero; o alcalde de Paradela, José Manuel Mato; Antonio Giz, director de GaliciaDigital; e a directora da biblioteca, María del Mar Lauroba.
A mostra itinerante, conformada por oito paneis dobres nos que se expoñen de xeito gráfico anacos da vida e obra do escritor de Paradela, chega á Coruña despois de percorrer concellos das catro provincias galegas, entre os que se inclúen Paradela, Lugo, Begonte, Sarria, Portomarín e Santiago de Compostela, así como Cataluña.
A exposición forma parte do proxecto Manuel Rodríguez que GaliciaDigital e a familia do escritor emprenderon no 2012 co apoio do Concello de Paradela, da Xunta de Galicia e da Deputación e Concello de Lugo.
A traxectoria do poeta
A vida do intelectual queda reflectida na publicación dun libro sobre a súa traxectoria, un documento que fai un percorrido pola historia deste emigrante que deixou un inmenso legado a través das súas obras poéticas ou en prosa, así como coa súa colaboración en diversos libros.
Rodríguez López sempre mostrou unha gran preocupación pola cultura e por Galicia, e durante a súa etapa vital en Cataluña desenvolveu un importante labor como cronista dos actos desenvolvidos relacionados con Galicia naquela comunidade.
Cómpre recordar que Manuel Rodríguez López viu recoñecido o seu traballo a través de diferentes e numerosos premios entre os que se atopan o de poesía Meigas e Trasgos de Sarria nos anos 19976 e 1980; o Xosé María Chao Ledo no III Certame Literario de Vilalba, en 1977 e o primeiro premio do Certame Literario de Begonte en 1985, entre outros galardóns. Ademais foi nomeado fillo predilecto de Paradela o ano no que faleceu (1990) e Lucense do ano 1989.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia


