A mostra de San Francisco, On the road, acada os 30.000 visitantes e segue ata novembro
“On the Road”, a gran mostra conmemorativa do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago de Compostela que Turismo de Galicia inaugurou o 27 de xuño alcanzou no mes de agosto os 30.000 visitantes. A exposición que aglutina as creacións dalgúns dos artistas contemporáneos máis recoñecidos no ámbito internacional na actualidade permanecerá aberta ata finais de novembro.A mostra, que conta coa participación de 35 artistas nacionais e internacionais de primeiro nivel, é unha homenaxe á cultura do noso tempo e xira arredor da idea do Camiño de Santiago percorrido polo santo de Asís e do concepto de camiñar.
O Pazo de Xelmírez, a igrexa e o cemiterio de Bonaval, e espazos urbanos emblemáticos da cidade de Santiago como a praza do Obradoiro ou o Hostal dos Reis Católicos, son os escenarios que acollen este singular repertorio de inquedanzas, saberes, visións e achegas artísticas pensado como un percorrido es si mesmo.
O VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago é un acontecemento que conta coa declaración de Especial Interese Público e celébrase en Galicia dende mediados de 2013 ata mediados de 2015. Algúns dos eventos máis destacados enmarcados nesta conmemoración, ademais da mostra ‘On the Road', son a a exposición ‘Peregrino e Novo Apóstolo. San Francisco no Camiño de Santiago' ou o I Congreso Internacional de Peregrinacións e o I Cumio de Asociacións de Amigos do Camiño, que se celebrarán en Santiago en setembro de 2014 e maio de 2015, respectivamente. Este VIII Centenario converte a Comunidade galega no epicentro da actividade cultural, científica, expositiva e artística.
‘On the Road’ deixará como legado do centenario para Galicia e para a cidade de Santiago a rehabilitación dun espazo único no mundo, o Pazo de Xelmírez. Para acoller esta mostra e para o seu uso cultural posterior, Turismo de Galicia levou adiante neste Pazo unha gran obra de rehabilitación e acondicionamento para o que se asinou un acordo entre a Administración autonómica e a Fundación Catedral de Santiago.
‘Francis Alÿs; Giovanni Anselmo; Jorge Barbi; Lothar Baumgarten; Joseph Beuys; Alighiero Boetti; Christian Boltanski; Marcel Broodthaers; John Cage; Mircea Cantor; Janet Cardiff & George Bures Miller; Tacita Dean; Jimmie Durham; Guillermo Faivovich & Nicolás Goldberg; Félix González-Torres; João Maria Gusmão & Pedro Paiva; Roni Horn; Annika Kahrs; Amar Kanwar; Yves Klein; Jannis Kounellis; Antón Lamazares; Richard Long; Aníbal López; Piero Manzoni; Anthony McCall; Mario Merz; Nam June Paik; Giuseppe Penone; Perejaume; Caio Reisewitz; Robert Smithson; Antoni Tàpies; Lawrence Weiner e Franz West son os artistas que participan na exposición. Doce destes artistas crearon obras específicas para exhibirse en Santiago de Compostela.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia


