As industrias culturais galegas viaxan a Arxentina en misión comercial ao Micsur

Vázquez Abad presentou os detalles da misión comercial e da participación galega na primeira edición deste mercado internacional, que reúne os dez países latinoamericanos integrantes de Mercosur, nun acto levado a cabo na Cidade da Cultura de Galicia, no que estivo acompañado polo director da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais), Jacobo Sutil, e polos artistas Uxía, Budiño, Narf e Rosa Cedrón, protagonistas do concerto Atlántic@s que se estreará en Arxentina.
O titular de Cultura e Educación explicou a importancia que para o proceso de proxección exterior e comercialización da produción cultural galega implicará desembarcar en MICSUR cunha ampla misión comercial promovida e coordinada desde a Xunta de Galicia, na que figuran nove empresas galegas dos distintos ámbitos culturais (a meirande parte delas presentes no acto de hoxe), ademais da Agadic, Artesanía de Galicia e Televisión de Galicia.
Especial transcendencia
Destacou, ademais, que a participación de Galicia en MICSUR enmárcase na política de promoción exterior continuada ao longo de todo ano desde a Consellería respecto a presenza da cultura galega nas principais feiras sectoriais internacionais especializadas. Neste sentido, remarcou a especial transcendencia desta nova acción porque Galicia recibirá en MICSUR un trato preferente e gozará de pleno dereito á hora de propiciar acordos conxuntos destinados á circulación de bens e servizos culturais na extensa rexión xeográfica de América do Sur que compoñen Arxentina, Bolivia, Brasil, Chile, Colombia, Ecuador, Paraguai, Perú, Uruguai e Venezuela.
Recordou tamén que esta misión é consecuencia dos acordos tomados durante a celebración o pasado novembro de MICAtlántica (Mercado das Industrias Culturais Atlánticas) en Santiago, polo que, con este novo encontro, se brinda a oportunidade de proseguir co desenvolvemento dos 11 acordos de natureza pública e os máis de 20 de carácter privado xurdidos en Compostela.
O seguinte paso neste proceso será a celebración o ano que vén, de novo na capital, de Galicia de MICAtlántica 2015, edición que será presentada en Mar del Plata dentro do programa oficial de MICSUR dirixido a todos os acreditados no encontro.
Expresamente convidadas
Outra das particularidades da presenza comercial galega en MICSUR é que as empresas que viaxan a Mar del Plata o fan convidadas expresamente pola organización do evento, debido ao establecemento previo de relacións bilaterais positivas e ao desenvolvemento de proxectos concretos xa en marcha. Así, acudirán a MICSUR representantes das compañías Altafonte, Galaxia, Ficción Producións, Imaxin Software, Mare Producións, Nalgures, Planeta Noema, Sun Lúa e Teatro Galileo.
Vázquez Abad referiuse a este colectivo como “unha delegación empresarial que aglutina referentes das nosas industrias culturais”, por reflectir “tanto iniciativas sobranceiras da nosa cultura e proxectos empresariais altamente innovadores, como representantes do noso talento e creatividade en eidos como o editorial, o das artes escénicas, a música ou o audiovisual”.
A composición da delegación adecúase así á propia estrutura temática do MICSUR, a mesma clasificación utilizada no orixinal MICA (Mercado de Industrias Culturales Argentinas) e no MICAtlántica, que divide os seus contidos de exhibición e de relación comercial en cinco grandes áreas: Artes Escénicas, Audiovisual, Deseño/Artesanía, Editorial, Música e Videoxogos.
Para facilitar o desprazamento destas empresas a MICSUR, onde levarán a cabo unha intensa axenda de reunións dentro do apartado de Roldas de Negocios, a Consellería publicou recentemente, a través da Agadic, unha convocatoria específica de subvencións.
Atlántic@s
O colofón da presenza galega en MICSUR será a noite dedicada á música de Galicia, que terá lugar na sinalada data do 17 de maio, Día das Letras Galegas. O Teatro Colón de Mar del Plata acollerá o espectáculo ‘Atlántic@s’, baixo a dirección artística da cantante Uxía Senlle, e no que participarán tamén Rosa Cedrón, Xosé Manuel Budiño e Fran Pérez ‘Narf’.
O conselleiro de Cultura agradeceulles a súa colaboración e cualificou os catro artistas de “selecto monllo de cantantes e intérpretes, donas e donos de estilos de seu, diversos e complementarios”. Apuntou tamén que Atlántic@s é un concerto pensado e deseñado especialmente para o foro MICSUR e o que este mercado representa: “comuñón de persoas e pobos irmandados pola historia, asociados por idiomas e intereses comúns, que conciben a cultura como piar do desenvolvemento, e cunha visión de futuro asentada na cooperación territorial para un progreso económico e social sustentable”, dixo.
Atlántic@s alternará a interpretación conxunta de temas por parte de Uxía, Rosa Cedrón, Budiño e Narf co repertorio de cada un dos artistas participantes para dar como resultado un espectáculo único, que está a ser ensaiado este días na sede da SGAE en Santiago.
O concerto repetirase o día seguinte, 18 de maio, no Teatro Sha de Bos Aires, onde todos os arxentinos seguidores da nosa música e, especialmente, a comunidade galega, poderá gozar desta proposta.
Xesús Vázquez Abad rematou a súa intervención transmitíndolle os seus parabéns á nova ministra arxentina de Cultura, Teresa Adelina Sellares ‘Teresa Parodi’, que tomou onte posesión do seu cargo en Bos Aires.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia