Do 21 ao 24 de maio proxéctanse 17 curtas e 18 videoclips no XI Festival de Cans (O Porriño)

O departamento que dirixe Xesús Vázquez Abad mantén o seu apoio económico ao encontro impulsado pola Asociación Cultural Arela, que este ano se materializa a través dunha achega de 20.660 euros adxudicados pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) como resultado da súa primeira convocatoria pública de subvencións a festivais audiovisuais. A resolución foi publicada na web da Agadic o 4 de marzo: http://www.agadic.info/gfx/axudas/axudas_festivais_audiovisual_resolucion_14.pdf
En nome de Cultura e Educación, o director da Agadic, Jacobo Sutil, participou na presentación da nova entrega do festival xunto aos representantes da organización e do resto das entidades patrocinadoras e colaboradoras. Durante a súa intervención, subliñou precisamente a rede de apoios que Cans foi quen de articular nas súas sucesivas edicións como “exemplo do que debe ser a colaboración entre o sector público e o privado cara ao desenvolvemento e a consolidación de propostas culturais a longo prazo, sen esquecer ademais a necesaria implicación da cidadanía”.
Nova liña de axudas
Pola súa banda, o director do festival, Alfonso Pato, agradeceulle á Consellería de Cultura e Educación a posta en marcha desta nova liña de axudas para a concesión en réxime de concorrencia competitiva –por primeira vez este ano– do orzamento destinado a este tipo de eventos.
Neste sentido, o responsable da Axencia explicou que a creación destas subvencións atende, en boa medida, ás suxestións recibidas desde o propio sector audiovisual co obxectivo de “optimizar, sistematizar e garantir a transparencia na adxudicación dos recursos públicos a este tipo de eventos”. Así, o orzamento desta primeira convocatoria foi distribuído entre un total de cinco festivais de acordo cunha serie de criterios obxectivos, así como da valoración da traxectoria, a programación, a viabilidade e o interese dos proxectos presentados.
Respecto a Cans, ademais de incidir na súa singularidade dentro do panorama audiovisual galego, estatal e mesmo internacional, Sutil fixo fincapé no seu papel como plataforma para a difusión do traballo que se está a realizar en Galicia no ámbito das curtametraxes: “Cans ofrécelles aos novos realizadores galegos un inmellorable altofalante para chegar tanto ao público como aos potenciais produtores do seus novos traballos”, concluíu.
Novas linguaxes narrativas
Nesta undécima edición, o festival busca precisamente a irrupción de múltiples linguaxes narrativas e xéneros mediante curtas que van desde o documental á ficción, pasando pola animación, e presentadas tanto por cineastas consagrados como por novos creadores e directores debutantes. Os 17 traballos a concurso serán valorados polo xurado oficial, integrado por recoñecidos nomes do audiovisual español e galego (Karra Elejalde, Chelo Loureiro, Xurxo Souto, Isabel Ayguavives, Monti Castiñeiras e Xulio Abonjo), ademais de polo xurado dos veciños. En canto aos 18 vídeos musicais seleccionados, o gañador será elixido por Nieves Rodríguez, Nonito Pereira e Amable DJ.
Xunto coas seccións de competición, Cans vén desenvolvendo desde as súas orixes un intenso programa complementario, que en 2014 inclúe a celebración ’20 anos da primavera do rock galego’ a través dunha escolma de documentais sobre o movemento bravú, de videoclips e do concerto do grupo Heredeiros da Crus. No apartado musical, terá lugar outra vintena de actuacións, como as de Los Coronas, Kepa Junquera e Pazos de Merexo, Caxade, Los Árboles, Os da Ría ou Os Carunchos.
Mulleres cineastas
Cans será igualmente o escenario para a proxección en primicia de ‘Os fenómenos’, de Alfonso Zarauza; do documental sobre Antonio Vega ‘Tu voz entre outras mil’, de Paloma Concejero, e de ‘El árbol magnético’, de Isabel Ayguavives, entre outros títulos. Ademais, Concejero e Ayguavives participarán nos coloquios ‘As mulleres cineastas toman a palabra’, para os que tamén se contará con Gracia Querejeta, e con Susana Sotelo e Also Sisters como novos valores do audiovisual galego.
O festival, que este ano aposta pola descentralización incorporando novos espazos de actividade, ofrece así mesmo presentacións de novos guións e fitas, unha ollada cara aos creadores galegos asentados en Londres, un apartado dedicado ás webseries e a nova sección ‘Cans Xtremo’, cunha selección de traballos arredor de deportes extremos.
Como colofón desta edición, farase entrega dun total de 12 galardóns: nove para curtametraxes e dous para videoclips, así como o premio de honra á actriz María Bouzas pola súa carreira. Recibirán cadanseu Chimpín de Prata a Juan Ibáñez ‘Trancas’, pola súa colaboración e difusión do certame, e a Divina Campos, veciña de Cans quen, aos seus 82 anos de idade, tense convertido en toda unha institución no festival.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia