Pasar al contenido principal
Cultura Galega | Cultura Gallega logo

Enlaces primarios

  • Inicio
  • Galerías de Autores
    • Arquitectura
    • Artesanía
    • Deseño Gráfico
    • Deseño Moda
    • Escultura
    • Esmalte
    • Fotografía
    • Gravado
    • Ilustración
    • Multimedia
    • Pintura
  • Publicacións
  • Concursos
    • Bases
    • Premios
  • Alta de Autor
  • Alta Directorio
  • Contacto

Promociónase a Feira do Libro de Santiago como oportunidade de difusión

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, participou na rolda de prensa de presentación da Feira do Libro de Santiago de Compostela, unha cita que cualificou como unha “oportunidade máis para a difusión do sector galego do libro, coa comercialización e promoción de autores e obras, tanto na nosa propia comunidade coma no exterior”. Neste sentido fixo referencia á cantidade de visitantes que chegan á capital de Galicia atraídos, entre outros aspectos, “pola nosa identidade como pobo, na que xogan un papel fundamental as manifestacións culturais que van poder coñecer nestas feiras”.

Xesús Vázquez lembrou a aposta integral que o seu departamento e a Federación de Libreiros de Galicia están a facer pola cultura galega, “mellorando a oferta de actividades que se desenvolven no marco destas feiras, e que desde o ano pasado combinan as habituais sinaturas de libros e presentacións de autores e autoras con actuacións teatrais ou de danza. En definitiva, con diferentes disciplinas culturais que se achegan á cidadanía desde estes eventos, conformando unha aposta clara da Xunta de Galicia polo conxunto da nosa cultura e polas compañías e artistas locais”.

O conselleiro quixo agradecer ao Concello de Santiago a súa colaboración para a celebración desta feira, así como o traballo dos libreiros, “guías, asesores e impulsores da lectura entre o público que acode aos seus establecementos. Un labor anónimo e pouco recoñecido sen o que a interacción coa inmensidade do mundo editorial sería moito más difícil para todos”.

Bibliotecas nodais e centros de ensino

O titular do departamento educativo da Xunta de Galicia quixo animar ademais ao conxunto da cidadanía a participar na feira, en especial aos centros de ensino, para os que este ano a Consellería e a Federación de Libreiros decidiron preparar actividades especiais, tendo en conta que a época lectiva coincide coa celebración desta cita.

A Consellería de Cultura e Educación colabora tamén coas Feiras do Libro de Galicia implicándose nas mesmas a través das bibliotecas nodais e dos centros educativos. De feito, nesta feira de Santiago a Biblioteca Pública Ánxel Casal - a nodal de Santiago- e as alumnas e alumnos do Ciclo Superior de Educación Infantil do CIFP Compostela realizarán un obradoiro e un contacontos escenificando os contos ‘Os petos de loreto’, ‘Veo, veo’ e ‘O coelliño branco’.

A Biblioteca Ánxel Casal estará ademais presente a través da habitual caseta que instalan na Alameda e na que as nenas e nenos atopan un espazo perfecto para ler, debuxar e aproximarse xuntos aos libros mentres os maiores gozan de outras actividades da feira, e onde tamén se poderán facer carnés de socio. Neste espazo haberá ademais unha pequena exposición dos fondos da biblioteca, e celebrarase a actividade semanal da biblioteca ‘Os sábados choiva de contos,’ da man de Carmen Domech e o contacontos ‘Pastoreando alegrías’, no marco do programa desta Consellería ‘Ler conta moito’.

Calendario

O calendario de Feiras do Libro de Galicia chegará nos vindeiros meses a 12 localidades da man da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e da Federación de Librarías de Galicia ao abeiro do convenio asinado para tal fin entre ambas as entidades e no marco das actuacións da Xunta de Galicia para a promoción do sector do libro en Galicia. Cómpre lembrar, ademais, que o departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad apoiará tamén este ano a participación do sector editorial do libro en catro feiras internacionais: Boloña, Frankfurt, Buenos Aires e Guadalaxara (México).

Trátase de iniciativas fundamentais para a promoción do libro, tanto dentro como fóra de Galicia, dada a importancia deste tipo de eventos culturais como escaparate para os traballos realizados polo sector editorial, tendo en conta que as Feiras do Libro de Galicia rexistraron o ano pasado 310.000 visitantes.

A primeira das citas do calendario en Galicia será en Santiago de Compostela, onde as casetas permanecerán ata o 4 de maio. O calendario pecharase do 27 ao 30 de agosto en Monforte e antes percorrerán tamén as localidades de Pontevedra (6 a 11 de maio), de Lugo (13 a 18 de maio), de Vigo (23 de maio a 1 de xuño), de Ourense (3 a 8 de xuño), de Ferrol (11 a 15 de xuño), de Ribadeo (17 a 20 de xullo), de Rianxo (24 a 27 de xullo), da Coruña (1 a 10 de agosto), de Viveiro (14 a 17 de agosto) e de Foz (27 a 30 de agosto).
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia

Directorio

  • Ensinanza (19)
  • Editoriales (97)
  • Museos (122)
  • Salas Exposición (127)
  • Artesanía (554)
    • cerámicas (108)
    • coiro (46)
    • gráficas (12)
    • metal (82)
    • pedra (40)
    • vidro (30)
    • instrumentos (22)
    • textil (68)
    • xoiería (39)
    • madeira (67)
    • varios (41)
  • Teatro (239)
    • maxia (22)
    • aficionados (126)
    • compañías profesionais (93)
  • Música (1179)
    • son e iluminación (22)
    • varios (168)
    • solistas, duos y trios (30)
    • orquestras y grupos (43)
    • música clásica (283)
    • grupos folk-rock-pop (154)
    • rondallas (39)
    • corais e orfeóns (296)
    • bandas de música (149)
  • Cultura Tradicional (319)
    • agrupacións de canto tradicional (56)
    • grupos de música popular (262)
  • Bibliotecas (813)
    • bibliotecas públicas (456)
    • bibliotecas especializadas (357)
  • Danza (308)
    • outras danzas (38)
    • danza tradicional galega (270)

Aviso Legal | Política de Privacidad | Política de cookies

Aldeas Gallegas

Usamos cookies propias y de terceros para mostrar publicidad personalizada según su navegación.
Si continua navegando consideramos que acepta el uso de cookies. OK Más información