Deseñadas as liñas estratéxicas para o impulso da artesanía galega nos vindeiros tres anos (2014-2016)

A captación de talento; o reforzo da marca Artesanía de Galicia; a innovación, o deseño e a cooperación; así como a mellora continua e a excelencia son os retos sobre os que pivota o plan, co obxectivo de continuar a impulsar a mellora da competitividade do sector a través de liñas de actuación concretas.
No encontro, ao que tamén asistiron a directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, e a xerente da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, Elena Fabeiro, participaron responsables da Asociación Galega de Artesáns; a Asociación Galega de Artesáns Tradicionais; a Asociación de Oleiros de Buño; a Asociación de Artesáns de Ourense; o Colexio Oficial de Xoieiros de Galicia e a Federación Galega de Xoieiros, Prateiros e Reloxeiros; así como da Asociación Galega de Carpintería de Ribeira.
O conselleiro tivo a oportunidade de escoitar as súas achegas, que serán incorporadas a un plan que parte dunha análise previa sobre a situación da artesanía galega, tendo en conta a información achegada polos principais axentes do sector e un constante diálogo con estes.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia