Reedítase o libro Aproximación ao pensamento e ideoloxía de Vicente Risco

A obra, en galego e castelán está reeditada dunha publicación que data de 1984, e conmemora, asemade, o centenario do insigne autor ourensán “por que todos sentimos a fonda pegada de intelectualidade e defensa do noso que deixou Risco na súa obra e na súa vida”, afirmou Manuel Baltar. Sobre o autor da publicación, Baltar dixo que Jesús de Juana deixa ben ás claras nesta obra “o seu talante de investigador” e adiantou que o profesor De Juana está a traballar xa no que será o segundo tomo da obra Galegos de Ourense.
O acto de presentación, que tivo lugar no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” da Deputación de Ourense contou tamén coa presenza de Luis Martínez-Risco Daviña, secretario da Fundación Vicente Risco.
A obra está prologada por Xosé Ramón Barreiro Fernández, catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago, ademais de numerario e expresidente da Real Academia Galega. Supón a primeira edición en galego, e ámbalas dúas edicións –galego e castelán- están ilustradas con fotografías e debuxos cedidos pola Fundación Vicente Risco para estas publicacións.
Gabinete de Comunicación da Deputación Provincial de Ourense