Xunta e editoriais valoran medidas de reforzo da proxección do libro galego

Ademais de facer balance da actividade realizada polos profesionais galegos no evento máis importante do mundo, o encontro tivo como obxectivo valorar novos mecanismos que contribúan a impulsar a difusión da produción editorial galega no exterior e a favorecer o intercambio comercial a través destas feiras internacionais.
Para avanzar nesta dirección, apostouse por establecer mecanismos que garantan a coordinación permanente entre a Administración autonómica e as empresas interesadas en participar nestes eventos culturais, así como por intensificar a planificación da actividade a desenvolver nas feiras. A elaboración de material promocional da produción editorial e a incorporación de produtos dixitais á exposición pública do stand foron outras das propostas que se abordaron no marco do encontro, que tivo lugar hoxe na Biblioteca e Arquivo de Galicia da Cidade da Cultura.
Representantes, entre outros, de OQO Editora, Editorial Galaxia, Edicións Positivas, Linteo Ediciones, Nova Galicia Edicións, McSports e Ideas Propias Editorial asistiron á reunión, na que tamén participaron a Asociación Galega de Editores, as dúas escritoras galegas convidadas á FIL de Guadalaxara, Fina Casalderrey e Elena Gallego, e a subdirectora xeral de Bibliotecas, Cristina Rubal.
En 2013, a Consellería apoiou a presenza das editoriais galegas nas feiras de Boloña, o pasado mes de marzo; de Bos Aires, en abril; de Frankfurt, en outubro; e de Guadalaxara, en decembro. Coa presenza de Galicia nestes eventos culturais, o obxectivo da Consellería de Cultura e Educación é impulsar a competitividade da literatura galega no mercado internacional, de apoiar os creadores e de fomentar a innovación á hora de editar, distribuír e promover o libro e a literatura galega no exterior.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia