Os gobernos galego e arxentino ofrecen Micatlántica na Cidade da Cultura

A inauguración oficial está prevista para o domingo 24 de novembro no transcurso dun acto institucional, durante o que o conselleiro de Cultura e Educación, Xesús Vázquez Abad, e o secretario de Cultura de la Presidencia de la Nación Argentina, Jorge Coscia, percorrerán as zonas Lab e Expo, instaladas no Museo Centro Gaiás e arredor das que xirará a actividade de negocio e expositiva deste evento internacional e multisectorial.
Así, Lab será o núcleo comercial de MICAtlántica, onde ata o vindeiro martes día 26 están previstas máis dun milleiro de reunións de negocio, de acordo coas axendas personalizadas que a organización ten preparadas para cara un dos profesionais inscritos, que representan empresas, institucións, produtores, artistas e pemes dos seis sectores presentes no evento: artes escénicas, audiovisual, música, deseño e artesanía, editorial e videoxogos.
Editorial Galaxia e Ibermúsicas
MICAtlántica Lab será tamén o escenario para a presentación da estratexia exterior de Galaxia da man do seu director xeral, Víctor Freixanes, quen afondará no lanzamento en Bos Aires de Mar Maior, o selo internacional da editora galega. A continuación (13.45 h), o director nacional de Artes de la Secretaría de Cultura arxentina, José Luis Castiñeira de Dios, explicará a xestación e o funcionamento de Ibermúsicas, programa de fomento das músicas iberoamericanas que ten como obxectivo impulsar a presenza e o coñecemento da diversidade cultural neste ámbito, estimular a formación de novos públicos e ampliar o mercado de traballo.
Actividade ininterrompida
MICAtlántica Expo funciona, pola súa banda, como espazo para amosar ao público a riqueza e as potencialidades das industrias culturais de Galicia e Arxentina a través de exposicións, instalacións artísticas e audiovisuais e mostras en directo de diferentes traballos artesanais de ambos os países. As portas da Expo permanecerán abertas ao público de sábado a martes de 9.30 a 19.00 horas.
Nesta mesma área, mañá terá lugar a primeira das sesións do obradoiro ‘Dramaturxia de emerxencia’, no que o director arxentino Mauricio Kartún, considerado un mestre do teatro a nivel mundial, achegará as ferramentas básicas para abordar a construción de personaxes, o deseño da estrutura escénica ou a condución da acción. Este taller, que se celebra en horario de 10.00 a 13.00 h e do que se ofrecerá unha segunda entrega o domingo, está pensado fundamentalmente para actores e directores teatrais, aínda que na súa traxectoria Kartún ten acadado numerosos seguidores noutros eidos transversais como o cinema ou a literatura.
Conferencias e debates
MICAtlántica propón, ademais, un lugar para a análise, o debate e a reflexión a través do seu programa Fórum, que nas tardes do sábado ao martes desenvolverá un total de 24 mesas redondas, conferencias e debates en dúas salas do Centro de Innovación Cultural (CINC) da Cidade da Cultura. A xornada de mañá inclúe dous relatorios e catro mesas de debate coa participación dun total de 17 especialistas.
Xunto coas intervencións dos arxentinos Francisca D’Agostino, secretaria xeral do Instituto Nacional de Teatro (Fórum 1, 16.00 h), e Sebastián Rodríguez, responsable do Catálogo do Instituto Nacional de Tecnología Industrial (Fórum 2, 16.00 h), o CINC acollerá catro mesas baixo os títulos ‘Teatro en espazos non convencionais’, (Fórum 1, 17.00 h), ‘Situación da industria editorial arxentina e galega: fórmulas de colaboración e edición, distribución e tradución (Fórum 2, 17.00 h), ‘Emprendemento. Modelos de negocio no ámbito dos videoxogos’ (Fórum 1, 18.00 h), e ‘Innovación dixital para a circulación da música: modelos de negocio, comunicación e ferramentas’ (Fórum 2, 18.00 h).
Así mesmo, a carteleira de concertos, espectáculos escénicos e cine, que MICAtlántica comparte tamén co público xeral en diferentes espazos de Santiago de Compostela, ofrecerá mañá sábado dúas citas co teatro e a música.
Interacción directa cos espectadores
A primeira delas é unha singular obra móbil de microteatro, da man do dramaturgo, artista visual e actor bonaerense Fernando Rubio, quen na obra ‘Todo lo que está a mi lado’ convida o público a unha orixinal colaboración como parte da propia montaxe. Para presentar esta peza en Compostela, o autor conta coa colaboración especial das actrices galegas Belén Constenla, Iria Pinheiro, Erica González, Mariola Verdía, Rosalía Castro e Lúa Testa. A montaxe, que xira arredor dunha serie de camas distribuídas en todo o espazo escénico, represéntase na Zona C de Bonaval o sábado e o domingo de 19.30 a 22.00 horas cun pase cada quince minutos. A entrada é libre ata completar a capacidade, que se reduce a oito espectadores por sesión.
Esta primeira xornada de intensa actividade en MICAtlántica, que inclúe tamén a proxección ás 17.45 h no Salón Teatro do filme Juan y Eva (Paula de Luque, 2012) arredor do inicio da historia de amor entre Juan Domingo Perón e Eva Duarte, pecharase ás 20.30 horas cun concerto na Sala Mozart do Auditorio de Galicia. Nesta última actividade do día, o sexteto arxentino de tango fusión que lidera o pianista Cristian Zárate compartirá escenario co dúo Barroso & Peixoto, integrado polo galego Fernando Barroso e o portugués Luis Peixoto, que no seu último disco aposta por afondar na música instrumental de moi diferentes estilos.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia