Os festivais artísticos máis prestixiosos do mundo xúntanse na Cidade da Cultura

Durante a súa intervención o conselleiro destacou a importancia deste encontro que “xuntará aos programadores culturais máis relevantes para dialogar e cuestionar o alcance e a capacidade transformadora dos festivais sobre a poboación e a propia cidade”. Vázquez Abad convidou aos participantes neste foro a “reflexionar sobre como dinamizar e programar unha cultura participativa, integradora, cosmopolita e inspiradora”, e así, “conseguir que os festivais artísticos sexan elementos renovadores e rexeneradores, cos que se recupera o sentido de convivencia e creatividade que a rúa e os espazos públicos xeran”.
Baixo o título “A revolución dos festivais artísticos”, este III FIEC analizará o impacto que están a ter os grandes festivais artísticos no panorama cultural e o fará da man dalgúns dos directores de festivais máis prestixiosos do mundo: Sir Jonathan Mills, director do Festival Internacional de Edimburgo; Hortense Archambault, co-directora do Festival de Aviñón; David Binder, recoñecido produtor de espectáculos de Broadway; Jesús Cimarro, director do Festival Internacional de Teatro de Mérida; Francisco Martín, director de La Mar de Músicas ou María Sheila Cremaschi, directora do Hay Festival de Segovia e Budapest.
Con este III FIEC, a Cidade da Cultura busca promover en Galicia un debate ao redor do impacto dos festivais tanto na vida cultural, como a súa capacidade para transformar pequenas vilas en espazos de creación e tamén o seu importante impacto económico. Os modelos de xestión en momentos de crise económica, a evolución dos gustos e as audiencias ou a transformación que sofren as cidades ou vilas que acollen os festivais serán algúns dos temas que abordarán os expertos convidados.
Baixo a óptica galega
Xunto a eles, Cultura e Educación dálle voz aos responsables de festivais galegos, programadores e responsables de organismos da nosa comunidade como Andrés Lacasa, xerente da Orquestra Sinfónica de Galicia; Paulo Rodríguez, director do Teatro Rosalía de Castro da Coruña; María Solar Núñez, xornalista da CRTVG; Julio Gómez, director do Festival Sinsal Audio; e Manuel Guede, director do Centro Dramático Galego.
O Gaiás convértese así nunha ponte para incorporar ao noso tecido cultural as novas tendencias da escena internacional ao tempo que contribúe a divulgar a nosa cultura no exterior, favorecendo o intercambio e o establecemento de sinerxías.
O FIEC chega a súa terceira edición tras abordar o futuro das infraestruturas culturais no 2011 e a relación destas coas novas tecnoloxías no 2012, e convocar a profesionais de institucións como o MoMA, a Tate Gallery, o British Museum, o Lincoln Center, o Smithsonian, o Barbican Centre ou o IRCAM Pompidou.
Apertura co produtor David Binder
Tras o saúdo do conselleiro de Cultura e Educación, a conferencia inaugural correu a cargo de David Binder, catro veces nominado aos premios Tony e produtor de espectáculos en Broadway e eventos especiais con artistas de talla de David Bowie, Jane Fonda, Ewan McGregor, Arcade Fire, Laurie Anderson, ou Sean “Puffy” Combs. Co mesmo título do FIEC, “A revolución dos festivais artísticos”, Binder amosou a nova cara dos festivais nos que se racha a fronteira entre o intérprete e a audiencia, e contribúen ás cidades a expresarse.
A primeira xornada completarase con María Sheila Cremaschi, directora do Hay Festival de Segovia e Budapest que abordará a historia dun festival de ideas, que integra o local co internacional. Ademais de desvelar o segredo deste orixinal evento que tivo a súa orixe na pequena localidade galesa de Hay-On-Wye –vila con 1.500 veciños e 41 librerías- e que, debido ao seu contundente e rápido éxito, foi exportado a países como Brasil, Italia, México, Colonia ou España, Cremaschi abordará un tema delicado: o do financiamento.
O Hay Festival de Segovia é organizado por unha fundación privada que cada ano debe buscar patrocinios e socios estratéxicos, públicos e privados, para realizar a súa misión. Fronte a esta realidade, o director do Festival Internacional de Teatro Clásico de Mérida, Jesús Cimarro, apostará pola xestión mixta como o modelo a seguir.
Os decanos dos festivais: Edimburgo e Aviñón
A xornada do sábado arrancará ás 10:30 horas coa responsable dun dos festivais decanos: Hortense Archambault, codirectora do festival de Aviñón. Archambault profundará tamén na esencia deste festival, adentrándose en temas fundamentais como a relación entre a creatividade artística e a amplificación de audiencias, o cuestionamento sobre o popular e o rexistro local dun territorio e a súa apertura ao mundo.
O teatro español estará ben representado polo director do Festival Internacional de Teatro Clásico de Mérida, Jesús Cimarro, que abordará o financiamento dos festivais e apostará pola xestión mixta como o modelo a seguir.
Este tipo de eventos inciden directamente sobre o territorio que os acolle. Así o explicará pola tarde Francisco Martín, director de La Mar de Música, festival que se celebra en Cartaxena e que se ten transformado nos últimos anos nun dos eventos con maior transcendencia internacional do noso territorio, convertendo coa súa programación musical e as súas actividades paralelas a cidade murciana nun foco de diversidade cultural.
A conferencia de clausura, este III FIEC contará coa presenza de Sir Jonathan Mills, director e xefe executivo do Festival Internacional de Edimburgo desde 2006, que lle ofrecerá ao auditorio un percorrido único ao que se considera o “buque insignia de Escocia”. Entre os seus cargos anteriores inclúen o de Director Artístico do Festival Internacional de Artes de Melbourne, ou a organización do Festival Bienal Internacional de Música de Brisbane.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia