Promóvese o cooperativismo cultural para financiar proxectos

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e o director xeral de Traballo e Economía Social, Odilo Martiñá, clausuraron unha xornada centrada nesta fórmula empresarial, que se desenvolveu na Cidade da Cultura en Santiago de Compostela.
O formato da iniciativa foi dinámico, e centrouse especialmente en mostrar diversas iniciativas de éxito. Así, as intervencións de carácter explicativo combináronse coa presentación de diversas experiencias. Cabe destacar tamén que a xornada contou coa actuación musical do grupo de cámara do Conservatorio Histórico de Santiago, unha entidade constituída como cooperativa.
Grazas a este evento, os interesados obtiveron información sobre os servizos que presta a rede Eusumo, así como tamén se abordaron as particularidades do modelo cooperativo e a súa adaptación a iniciativas empresariais no ámbito da cultura.
Na xornada tamén se trataron as liñas de apoio ás persoas emprendedoras que está poñendo en marcha a fundación Cidade da Cultura. A iniciativa contou coa participación de representantes das cooperativas Grupos Mus21 (Madrid), Culturactiva (Santiago), O Cable Inglés (Vigo) e o Conservatorio Histórico de Santiago, que explicaron as súas vivencias como cooperativas do sector.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia