Pasar al contenido principal
Cultura Galega | Cultura Gallega logo

Enlaces primarios

  • Inicio
  • Galerías de Autores
    • Arquitectura
    • Artesanía
    • Deseño Gráfico
    • Deseño Moda
    • Escultura
    • Esmalte
    • Fotografía
    • Gravado
    • Ilustración
    • Multimedia
    • Pintura
  • Publicacións
  • Concursos
    • Bases
    • Premios
  • Alta de Autor
  • Alta Directorio
  • Contacto

O 18º Ourense Film Festival, co cine galego e internacional

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria apoia a 18ª edición do Festival Internacional de Cine de Ourense (OUFF), que se celebra do 16 ao 24 de novembro co obxectivo de contribuír á promoción en Galicia do cinema actual de todas as nacionalidades e de prestar visibilidade á produción audiovisual galega a través da proxección de máis de corenta películas.

Organizado polo Concello de Ourense, a carteleira do OUFF 2013 combina o labor de estímulo para a creación cinematográfica, a través dunha competición oficial á que este ano concorren dez películas de ámbito internacional, con outras seccións paralelas destinadas ao recoñecemento do cinema galego, á presentación de filmes inéditos en Galicia, á exhibición de documentais ou a sesións especiais centradas nas propostas máis vangardistas.

A programación completa do festival foi presentada hoxe en Ourense nun acto que compartiron o alcalde, Agustín Fernández; a concelleira de Cultura, Ana Garrido; e a directora do evento, Nora Sola; e no que, en representación da Consellería de Cultura e Educación, participou Jacobo Sutil, director da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais), entidade que presta apoio económico ao OUFF a través da sinatura dun convenio de colaboración.

Estímulo profesional

O director da Agadic destacou a incidencia do OUFF no impulso e dinamización do cinema non só entre os ourensáns, senón para toda Galicia. “E, aínda máis aló, concorre como unha cita de pleno dereito e interese crecente no calendario de festivais cinematográficos de todo o Estado”, expresou. Engadiu neste sentido que, se para a Xunta de Galicia é prioritario contribuír ao progreso da produción cinematográfica galega a través das diferentes liñas de subvencións que se convocan cada ano, tamén o é o labor de estímulo e fomento do encontro entre profesionais, así como o da formación e creación de públicos que se vén desenvolvendo a través de festivais como o OUFF.

Da totalidade da programación do OUFF, Jacobo Sutil valorou especialmente o compromiso deste encontro co cinema galego a través do apartado específico “Panorama Galicia”, no que este ano se proxectarán sete propostas de distintos xéneros e temáticas de moi recente filmación. Trátase en concreto dos títulos ‘Uxío Novoneyra: Poeta/Alén’, de Iván L. Gimeno; ‘Queimar o monte’, de Emilio Fonseca; ‘Onde as rúas non teñen nome’, de Alba Vázquez Carpentier; ‘A fazaña da liberdade’, de Seném Outeiro; ‘Magic: The Gathering’, de Marcos Fernández Vázquez; ‘Pacios, as fotos da memoria’, de Manuel Darriba e ‘Asolagados’, de David Vázquez.

Na sección oficial compiten este ano as longametraxes ‘Agnus Dei’ (Kósovo), ‘Offline’ (Bélxica), ‘Innocents’ (Singapur), ‘Kohlhaas ou a proporcionalidade dos medios’ (Alemaña), ‘Mulbery Stains’ (Estados Unidos), ‘Pizzas’ (Letonia), ‘Acá adentro’ (Arxentina), ‘El Rayo’ (España/Portugal), ‘Paradis perdú’ (Francia) e ‘El triste olor de la carne (España)’. Os cinco premios previstos (mellor película, director, guión, actor/actriz e especial do xurado) serán outorgados por un tribunal composto por Goya Toledo, Belén Macías, Ramón Costafreda, Christian Klandt, Manuel Curiel e Monti Castiñeiras.

Distincións a Pedro Olea e a Ángel de la Cruz

O Festival abrirase o 16 de novembro coa proxección de ‘La conspiración’, de Pedro Olea, director vasco que recibirá este ano o Premio Cidade de Ourense, e clausurarase o día 23 con ‘MIR’, de Gonzalo G. Palmeiro. No decurso do OUFF homenaxearase tamén o guionista galego Ángel de la Cruz, galardoado co Premio Irmandade do Libro ao Mellor Guión Adaptado por filmes como ‘Arrugas’ e ‘Todos os santos’, que se proxectarán na xornada do 19 de novembro, ao igual que os traballos ‘El maestro de esgrima’ e ‘El bosque del lobo’, estes dous últimos asinados por Olea.

As dúas salas do Auditorio Municipal, o Teatro Principal, o Centro Cultural Marcos Valcárcel sumarán as súas pantallas á carteleira do OUFF 2013, que se complementa con actividades escolares, a exposición pictórica ‘De cine’ da artista ourensá Maite Diz, o espectáculo de danza ‘Sólodos’ e os concertos de Najla Shami, Habelas Hainas, Fred Martins e La Dama de Gris.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia

Directorio

  • Ensinanza (19)
  • Editoriales (97)
  • Museos (122)
  • Salas Exposición (127)
  • Artesanía (554)
    • cerámicas (108)
    • coiro (46)
    • gráficas (12)
    • metal (82)
    • pedra (40)
    • vidro (30)
    • instrumentos (22)
    • textil (68)
    • xoiería (39)
    • madeira (67)
    • varios (41)
  • Teatro (239)
    • maxia (22)
    • aficionados (126)
    • compañías profesionais (93)
  • Música (1179)
    • son e iluminación (22)
    • varios (168)
    • solistas, duos y trios (30)
    • orquestras y grupos (43)
    • música clásica (283)
    • grupos folk-rock-pop (154)
    • rondallas (39)
    • corais e orfeóns (296)
    • bandas de música (149)
  • Cultura Tradicional (319)
    • agrupacións de canto tradicional (56)
    • grupos de música popular (262)
  • Bibliotecas (813)
    • bibliotecas públicas (456)
    • bibliotecas especializadas (357)
  • Danza (308)
    • outras danzas (38)
    • danza tradicional galega (270)

Aviso Legal | Política de Privacidad | Política de cookies

Aldeas Gallegas

Usamos cookies propias y de terceros para mostrar publicidad personalizada según su navegación.
Si continua navegando consideramos que acepta el uso de cookies. OK Más información