A Asociación de Tradutores Galegos homenaxea a Darío X. Cabana
A Asociación de Tradutores Galegos creada en 1985 para potenciar a tradución ao galego de obras da literatura universal como ferramenta de normalización, celebra desde hai uns anos unha homenaxe a un tradutor ou tradutora que salientase polo seu labor. Rendéuselles tributo de honra en anos anteriores a profesionais como Fernando Pérez-Barreiro Noia, Marilar Aleixandre, Valentín Arias ou Henrique Harguindey. Nesta ocasión a xunta directiva da ATG acordou por unanimidade homenaxear a Darío Xohán Cabana. Escritor prolífico que abrangue varios xéneros literarios desde a poesía, pasando pola narrativa e o ensaio ata a literatura para a xente nova, Darío salienta polo seu traballo de tradutor de obras clásicas que pertencen indiscutiblemente ao patrimonio literario da humanidade. Grazas ao seu coidado labor e á súa sensibilidade poética temos o privilexio de ler na nosa lingua a Divina Comedia de Dante, o Cancioneiro de Petrarca, a Vida nova de Dante, a Antoloxía do Dolce Estilo Novo e Os trobadores da Occitania. Perfeccionista do seu traballo, aínda acometería unha revisión do Cancioneiro de Petrarca que acaba de publicar nunha versión anovada a editorial A Curuxa. Como no campo da creación tampouco non esquece os destinatarios novos e traduce Os Tres Mosqueteiros de Alexandre Dumas.
No acto de homenaxe que a ATG quere celebrar no salón de plenos da súa cidade intervirán amigos escritores como Marica Campo e Paco Martín, así como o presidente da Asociación e o alcalde de Lugo. O grupo Herbens Consort cerrará o acto tocando tres pezas breves. A asistencia é libre.
Xavier Senín


