O sector editorial galego participa na Feira Internacional de Frankfurt (Alemaña)

Ademais de daren a coñecer o seu traballo, profesionais da industria editorial duns 100 países de todo o mundo teñen nesta feira unha oportunidade para favorecer a comercialización dos seus produtos, así como tamén para propiciar novos proxectos e negocios a nivel internacional.
Son arredor de 7.000 expositores duns 100 países os que participan estes días na Feira do Libro de Frankfurt, que este ano ten a Brasil como convidado especial. Escritores, editores, impresores e distribuidores de libros acoden a este evento cultural, que acolle tamén a celebración de encontros e mesas redondas sobre diversos temas de interese para os profesionais que acoden a esta cita.
Galicia, nas principais feiras internacionais do libro
Ademais de apoiar a presenza das editoriais galegas nas feiras de Boloña, o pasado mes de marzo; de Bos Aires, en abril; e de Guadalaxara (México), o próximo mes de novembro, este ano, a Consellería de Cultura e Educación ampliou a participación de Galicia nas feiras internacionais do libro con respecto a 2012, coa asistencia á Feira Internacional de Frankfurt.
Coa presenza de Galicia nas citas esenciais para o sector editorial o obxectivo da Consellería é impulsar a competitividade da literatura galega no mercado internacional, de apoiar os creadores e de fomentar a innovación á hora de editar, distribuír e promover o libro e a literatura galega no exterior.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia